Hai entroido!

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

07 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin a choiva, nin a neve, nin o temporal, nin a ditadura foron quen de matar o entroido. Dano fixéronlle os anos escuros, que tampouco é de lei non dicilo, mais Ourense é entroido e aquí si que somos unha auténtica potencia. Máis alá do triángulo máxico, a verdadeira locomotora deste movemento lúdico que lle dá a volta ao mundo e aos costumes, por toda a provincia reivindican a súa singularidade os personaxes e as máscaras deste ciclo anual. E mesmo costumes tan singulares como os do meco das Teixugueiras, a festa de irmandade entroideira de Barcia e Vilaverde, o Rei de Covelo ou tantas e tantas citas que marcaron estes días. Viana, Vilariño, O Bolo, Toén, Maceda, Esgos, Manzaneda, Bande, Sarreaus, A Merca, Maside, Ourense, Boborás ou Cartelle, entre outros municipios, apostan polos seus sinais de identidade. Por facer da festa na rúa o espazo de convivencia veciñal e por celebrar ese tempo no que se lembra que a vida está para gozala e para poñer na picota, non só na de Laza, a realidade cotiá.

O tempo de entroido é o que fai de Ourense unha referencia. Ese reclamo que esgota a oferta hoteleira e fai que os pobos se enchan de xente e os veciños reivindiquen unha historia e unhas orixes das que se senten fachendosos. E cada vez son máis os novos peliqueiros, boteiros, cigarróns ou felos -e todos os personaxes que se queira citar- que se suman ao entroido con cada nova convocatoria. Converter o entroido nun dos argumentos para potenciar a provincia xa é algo que se está a facer. Agora compre que non se altere a festa e que se manteñan os sinais de identidade.