Unha biblioteca con constelacións

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

No IES As Lagoas os libros atopan o seu espazo máis alá da obrigatoriedade curricular

06 ene 2019 . Actualizado a las 17:31 h.

O autor Agustín Fernández Paz adoitaba dicir que a literatura tiña que conquistar o corazón, e nesas se atopan no instituto de As Lagoas. A súa biblioteca, repleta de libros, medrou nestes últimos dez anos non só no número de exemplares que acolle no seu interior (ten máis de 15.000), senón tamén na cantidade de persoas ás que chega. «O curso pasado ofertamos aos familiares dos alumnos de primeiro da ESO que foran usuarios da biblioteca e dos 120 nenos matriculados nese curso un total de vinte e cinco familias solicitaron o préstamo de libros», conta Miriam González, coordinadora do equipo da biblioteca e mestra de Lingua e Literatura Galega no centro.

«Pensamos que a lectura retroalimenta, así que tamén engadimos novidades editoriais para adultos que poden desfrutar os profesores e os pais dos nenos. Poden consultar por Internet os títulos dispoñibles e como só temos aberta a biblioteca en horario lectivo son os seus fillos os que levan e devolven os libros dando o seu número de socios», engade sobre o mecanismo posto en funcionamento o pasado curso. A idea é que, progresivamente, vaian incorporándose á iniciativa os proxenitores dos rapaces de novo ingreso, co que en catro anos todas as familias con nenos matriculados en Secundaria terían a opción de acceder aos títulos de préstamo. «Sempre se di que os fillos aprenden do que ven na casa, pero eles tamén son transmisores de coñecemento e bos hábitos», afirma a bibliotecaria.

MIGUEL VILLAR

Outra das actividades que levan a cabo durante todo o ano é o club de lectura. Propóñense lecturas adecuadas a cada idade e despois coméntanse os puntos técnicos da obra así como os sociais e éticos que aborda. «A min serviume para expresarme mellor. Porque no club non só lemos, senón que conversamos sobre o que máis nos chaman a atención dos poemas ou novelas», apunta Candela Bande, que agora está en segundo da ESO. Outras como Xulia Rey, María Gallardo e Sabela Guevara, todas elas de segundo da ESO, axudan voluntariamente a que a biblioteca funcione mellor para todo o mundo. «É entretido e así tamén enterámonos antes das novidades que chegan», confesa en baixiño Xulia cun tímido sorriso. Durante un recreo á semana, os voluntarios (de segundo da ESO e primeiro de Bacharelato) desenvolven as tarefas asignadas polo equipo da biblioteca: colocación dos fondos, forrado e etiquetado de exemplares, recomendacións de lecturas...

Os libros enténdese como un todo dentro das catro paredes deste instituto ourensán. Tanto é así que dende fai algúns cursos teñen unha hora de lectura libre á semana que rota para que non sexa sempre durante a mesma materia. Isto fai que tódolos docentes teñan que reorganizar as súas clases, aínda que amósanse satisfeitos co conseguido. Pola súa parte, os alumnos só teñen unha regra que cumprir: non se pode escoller un libro dos que entran no currículo académico. «Polo que vimos ata o de agora os resultados reflíctense nas notas, na expresión nos exames e na mellora da relación entre eles que en ocasións recoméndase e préstanse libros uns aos outros», explica Virxilio Cruz, profesor de Xeografía e Historia no centro. Remedios Alonso, mestra de Lingua e Literatura Castelá, secunda esta opinión: «Dá igual o idioma, o importante é ler e abrirse a outras visións, iso enriquéceos moito», afirma mentres escolle varios títulos na biblioteca.

As constelacións literarias tamén están presentes neste espazo que tenta ser un recuncho para pensar máis que para estudar. Trátase de itinerarios de lectura de xeito que as obras están relacionadas a partir dun mesmo tema. Por exemplo, no club de lectura de primeiro da ESO sumerxíronse na novela Miña querida Sherezade, que remitía á súa obra nai As mil e unha noites. Destas dúas, os pequenos lectores saltaron a Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros e a continuación a Chamádeme Simbad.

O centro participou nun proxecto de investigación sobre hábitos lectores

A música tamén ten o seu espazo entre novelas, poesía, cómics e ensaios. Comezou con motivo da celebración do Día de Rosalía, cando varias alumnas de primeiro da ESO que tocan a viola, o oboe, a guitarra e o bombardino interpretaron varios temas relacionados coa vida e obra da escritora ante o resto de alumnos. «Todos os recreos da última semana de clase houbo máis concertos porque colléronlle o gusto», conta a coordinadora da biblioteca.

MIGUEL VILLAR

E é que hai alumnas que, ademais de dedicar o seu tempo a ler, tamén estudan música. Paula Cueto, que este ano cursa segundo da ESO, toca a guitarra «que é unha marabilla», según din os seus mestres. Pero tamén lle gusta escribir, e ten claro que para facelo ben é imprescincibel ler moito. «A min non me importaría ser escritora e unha das cousas que máis me gustaron foron os encontros cos autores e as tertulias nas que participamos», expón a alumna.

«O ano pasado viñeron dous estudantes pakistaníes a principio de curso que só sabían falar en inglés e urdú, que é o seu idioma materno. Unha incorporouse no clube de lectura animada polas súas compañeiras e traduciu un fragmento ao urdú de Aladino e a lámpada marabillosa que despois leu diante dos demáis», relata Miriam sobre a inclusión que se pode traballar dende a lectura. Os esforzos levados a cabo por alumnos e docentes para que a lectura sexa un pracer e unha necesidade vital fixeron que a Xunta escollera ao centro, xunto a outros sete de Galicia, para formar parte dun estudo. «O proxecto é de investigación cualitativa sobre a lectura e ten como obxectivo analizar a relación entre os clubes de lectura, a promoción da lectura e a creación do hábito lector», finaliza a mestra de Galego.