Os que poden volven a casa por Nadal

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

EEstes días Ourense, non parece Ourense. Rúas ateigadas de xente, reencontro cos amigos, antigos compañeiros de pupitre aos que cando te cruzas con eles che costa recoñecer polo paso dos anos.. son os invisibles o resto do ano, os e as que marcharon con ilusión, pero tamén os que fixeron as maletas de mala gana, todos e todas os que como ese machacón anuncio, volven a casa por Nadal.

Invisibles aos que non soamente custa velos calquera día do ano, senón tamén nas novas que case semanalmente, nos lembran que na nosa provincia perdemos poboación ao vertixinoso ritmo de dez persoas á semana. Mozos e mozas que tiveron que saír de Ourense e mesmo do país para buscarse a vida, en moitos casos despois de deixarse as pestanas estudando as súas carreiras e os seus másteres, tralo esforzo económico que tiveron que facer as súas familias e todo un país. Aqueles e aquelas ás que pretenderon endulzarlles a decisión amarga de comezar unha vida lonxe da súa familia e do seu fogar, pintando como “unha gran aventura”, o que finalmente acabou sendo un gran desapego da súa terra. Unha mocidade que, aínda que nos pareza que foi onte, xa hai anos que arrastrou os pes ata o aeroporto máis cercano para facturar unha maleta chea de contratos precarios, e salarios e horarios infames, exportando o seu talento do país, e poñéndoo ao servizo do mellor ofertante. Países que quedaron co mellor das nosas universidades sen investir un só peso na súa formación, pero que souberon atraer e reter aos nosos non soamente con bos salarios, senón tamén con amplas coberturas sociais. Territorios onde a pesares de nacer moitas crianzas, non faltan prazas de garderías públicas, mentres en Galicia, onde hai anos que morren máis persoas das que nacen, todos os anos hai lista de agarda para obter praza. E nós dende a distancia, seguimos laiándonos cada vez que nos din que existe unha fenda entre os desexos e a realidade das que quedaron, as que lles gustaría ter dous fillos pero que no mellor dos casos teñen un, mentres os que volven en Nadal e verán, fano empurrando carritos con crianzas nadas en Dinamarca, Alemaña ou Londres. Se lles preguntas, a maioría deles e delas desexan volver, pero despois de tanto esforzo e renuncias persoais, non están dispostos a facelo a calquera prezo, e seguirán volvendo a casa por Nadal, como nos anuncios de turrón. Moitos outros quedarán a miles de quilómetros polos elevados prezos que teñen os billetes de avión nestas datas, ou porque pasarán estas festas traballando. Para eles e elas, o día 25 foi 25 pero non Nadal, e o 1 de xaneiro será o 1 de xaneiro, pero non Aninovo.