Guerreiros

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é o día dos guerreiros. Deses pequenos que nacen antes de tempo e que loitan para saír adiante. E moitos, cada vez nunha porcentaxe maior, lógrano. Son auténticos guerreiros que gañan a pulso, día a día, respiración a respiración (moitas veces con pulmóns que aínda non estaban o suficientemente maduros para comezar a traballar) seguir adiante. Saír desas incubadoras nas que pasan días, semanas e incluso meses antes de chegar á casa e seguir medrando como un neno nacido nun embarazo que cumpre os nove meses. Son guerreiros que saen adiante coa súa forza, despois de horas de pel con pel cos pais e outros familiares que invisten o tempo no hospital, e, por suposto, co traballo de todo o sistema sanitario. Unha sanidade imprescindible para que calquera guerreiro saia adiante. Unha sanidade vital para eles. Ata que saen do hospital. Xa moitos menos medios terá un guerreiro que despois teña que vivir no rural. Ou terá os mesmos, pero moito máis lonxe. Non só se precisa axuda urxente, senón tamén (se lle cadra no verán) na atención máis básica. Porque igual teñen pediatra a dez minutos como lles pode tocar ter que facer máis de 50 en coche. E entón eu penso no guerreiro, e penso tamén neses pais que viven pendentes de que o neno respire ou tratando de que non enferme porque calquera complicación nun prematuro é unha grande complicación. E penso neses pais que ven como o neno enferma e o pediatra está a cincuenta minutos en coche... E despois aos políticos éncheselles a boca falando de potenciar o rural. Pois potenciar o rural é traballar para que os servizos sexan como se viviras no centro.