Centrarse na familia

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

02 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana sabíase que unha muller cun alto cargo na multinacional Zara non seguiría no seu traballo. E o que máis se puido ler sobre o tema era que o deixaba para «centrarse na familia». E daquela tanta loita do 8M e tanto saír á rúa berrar que queremos os mesmos dereitos que os homes, quedaron ciscados polo chan. Non pola decisión dela (ou da súa empresa, tanto me ten), que ela pode facer coa súa vida o que lle pete. Só faltaría. O que arrepía é a mensaxe. Esa banalización dun tema tan importante (e tan transversal) como é que a muller queira gañar o seu salario, ter a súa carreira, manter a súa independencia económica... ou simplemente non teña máis remedio que traballar para sacar aos fillos adiante. As mulleres traballadoras poden seguir no seu posto, claro, pero volven os estigmas, ese quere dicir que se estás empregada fóra da casa es peor nai, porque non te centras. ¡Arredemo, que tristura! Seguimos igual que hai corenta ou cincuenta anos, ou aínda peor. Porque parecían superadas certas cousas, pero seguen no imaxinario popular. E son esas banalizacións que fan que se perpetúe a idea de que as mulleres deben dedicar a vida á crianza dos fillos. E nada máis. Que poden facer outras cousas, si, pero parece que se as fan deixan o máis importante a un lado. Son cuestións que a un home non se lle poñen enriba da mesa, nin moito menos. Son frases que fan dano nesa busca da igualdade de dereitos, que botan por terra o traballo de moitas que viñeron antes que loitar por cousas que hoxe en día temos pero que non sempre estiveron aí para nós. Mellor sería se cando dicimos un comentario así, nos centráramos nós máis.