Velutinas escríbese con V

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana fun polo mel ao colmear do compadre. Gasta en poñerlle unha tira de papel aos botes de kilo, para demostrar que unha vez pesado, o fiel da báscula xa non varía. O papeliño branco e azul, bandeira, é mais que un detalle de país, mel do país, por Madrid véndese mellor se saben que é galega.

Este ano o prezo subiu un 20 %. A mesma demanda, menos kilos de mel. O negocio dá o xusto para ir tirando, hai moito de pastor e pouco de executive. As doenzas de gorxa e de ouvidos que veñen cos cambios de tempo, non entenden de prezos, nin de picos de prezo de kilovatio/hora; mel sobre filloas, que suba a luz e o gas tamén.

Conversamos. Eu toquei óso, pregunteille polo ano de xestas, polas chuvias de xullo, pola seca de setembro, el dixo «velutina».

Eu e a velutina; e dous euros máis por kilo de mel. Eu e a velutina; e os casos de mortes de xente por picaduras de avésporas. Eu e a velutina; e as mensaxes do teléfono cos nomes que foi recollendo o 112 dos avisos da xente para que retirasen os enxames. Eu e a velutina e a

inflación no mel. Eu e a velutina, e el e as arpas eléctricas para defender as súas colmeas. A súa habilidade

e a da xente do común para loitar contra unha praga exponencial é digna dun relato, dunha película.

Comprender as matemáticas de probabilidades e os crecementos exponenciais son unha tarefa complexa para esta administración, por iso os agricultores e apicultores da provincia loitan sen moita axuda a batalla ecolóxica definitiva, sen abellas, sen esperanza.

A velutina devora as obreiras das colmeas, non fai mel, só fai máis velutinas, con uve.

Nesta batalla a velutina fascista non se ve como tal, por iso no imaxinario cultural galego os alcumes foron comunistas, soviéticas, chinas, siberianas, todo co sesgo marcado da loita obreira do socialismo. Nesta loita identitaria a velutina arrasa coa obreira e pouco se pode facer.

A comunidade apícola xa non pode parar, ela é a defensa do medio fronte ao capital velutino, que deixa fame, uniformidade e falta de equilibrio social; a velutina con v de Vox, chegou para quedar.