Terras e cregos para o rural

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

18 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Varias novas andan estes días a incidir nunha realidade, a galega, que anda medio tocada. Os cregos non dan abasto para tanta parroquia e tan pouco fregués. O de Zas -como calquera do rural na provincia de Ourense- disque atende dez, parroquias non fregueses, e que se organiza con tempo para chegar onde pode o malpocado. Suponse que será aquilo de que deus proverá.

Outro dos negociados do rural que vive os seus mellores tempos, camiño dos peores porque a parroquia de demandantes aquí tamén vai mirrando, é o dos xeriátricos. Non imos tardar moito en volver ao pasado non tan lonxano, aquel no que os colexios botaron o cadeado para ficar baleiros, algúns, ou converterse en centros de día ou residencias para maiores.

Tamén, e todo vai ao seu, seica a terra morta volve á vida e hai propietarios do interior de Galicia, máis en Lugo que en Ourense polo que se ve, que xa ceden ou alugan parcelas abandonadas para poñelas de novo en produción e recuperar zonas de pastos, soutos e outros espazos de cara a incrementar a superficie agraria útil galega.

Así as cousas ao mellor nesa aposta polo rural que tanto se gaban en espallar dende Compostela -á que sempre hai que mirarlle con moito ollo a letra pequena porque logo pasa como co estoupido de Tui, que case é mellor non coller a axuda porque te crucifican dende Facenda- tiñan que promover a fichaxe de novos cregos para atender as parroquias e promover residencias para maiores nos edificios públicos que van quedando sen uso. E desermar, que ao mellor aínda estamos a tempo.