Concha Velasco, de funeral en Ourense

O Principal ofrecerá nestes meses obras como «Iphigenia en Vallecas» ou o concerto de Damien Jurado


O Teatro Principal abrirá o vindeiro día 20 a programación do segundo semestre do ano e a oferta chega cun mes de setembro cargado de propostas e coa expectación que xa está xerando unha das actrices que sempre é sinónimo de entradas esgotadas: Concha Velasco. Os catro meses que restan do 2018 ofrecerán un amplo abano de representacións teatrais, ciclos e concertos de música clásica que xa son «fixos» na sala da rúa da Paz, blues, gospel, danza e actividades para os máis cativos. A programación foi presentada onte nun Principal en obras -co patio de butacas levantado e cun elevador para facilitar os traballos de pintura e mantemento- pola directora do teatro, Olga Mojón, o responsable de Agadic, Jacobo Sutil, e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

O concerto da Filarmónica da Cámara de Colonia -con obras de Vivaldi, Mozart e Paganini- abrirá o calendario de actividades do segundo semestre. Será o día 20 deste mes. Un día despois contarase coa presenza de Concha Velasco e a súa montaxe «El funeral», un proxecto baseado nun texto do seu fillo Manuel V. Velasco -que tamén é o director- e no que Jordi Rebellón sustituirá a Antonio Resines, que tivo que deixar a tempada por problemas de saúde.

Sesións ás 20.00 horas

O 27 poderase disfrutar da montaxe de danza «Black Apple» e ao día seguinte chegará a xira de Fekat Circus e o seu espectáculo «Move in». O proxecto é un movemento solidario de Etiopía que aposta polo movemento cutural para mudar a realidade dos mozos africanos.

En outubro chegará, día 6, a montaxe «Todas las mujeres» -na que participan Fele Martínez, Nuria González, Lola Casamayor, Cristina Plazas, Mónica Regueiro e Lucía Barrado- e «Iphigenia en Vallecas» estará no Principal o 21. A multipremiada obra protagonizada por María Hervás, que se representa entre o público, incide na marxinalidade e a cara menos coñecida da sociedad.

As sesión do Principal serán ás 20.00 horas pola semana (antes comezaban ás 20.30 horas) e os domingos ás 19.00 horas.

Estrea estatal

O Principal acollerá nestes catro meses citas tradicionais -Enclave de Cámara, Fito, Moti ou Festival de Blues, entre outras- e o concerto de Ndal correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia (22 de decembro). Damien Jurado actuará o 25 de outubro e Javier Perianes o 13 de decembro.

O teatro ourensán acollerá o 15 de decembro a estrea absoluta da montaxe «Linda vista», protagonizada por Toni Cantó, Ruth Gabriel e Nuria Herrero, entre outros actores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Concha Velasco, de funeral en Ourense