Cando conseguir un traballo é cuestión de suor e bágoas

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

01 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Buscar un emprego en Ourense é unha cruzada, atopalo un milagre, que o posto entusiasme ao traballador un mito e que as condicións laborais sexan boas unha quimera. Basta falar cos mozos e mozas que se incorporan por primeira vez ao mercado laboral para darse conta desta realidade ou (máis frío) ler as cifras de desempregados na provincia, preto de 20.000, ou botar un vistazo ao tipo de contratos que se asinan, o 90% temporais. Neste contexto, o emprego público, máis estable e con maiores dereitos, convértese nun ansiado refuxio para miles de mozos e mozas -e xa non tan novos- que senten a vértixe cando empezan a sacar a cabeza fóra do niño para contemplar o mundo no que terán que atopar o sustento día a día durante preto das dúas seguintes cuartas partes da súa vida. Ante iso, moitos deciden adicar os seus esforzos a opositar, unha decisión que socialmente, e a pesares do esforzo que supón, segue estando mal vista porque se relaciona directamente con ese falso mantra, que se leva tempo intentando colocar, de que na función pública se descansa máis que se traballa.

Sexa por vocación ou por solución ante a falla de oportunidades laborais, o certo é que preparar unha oposición non é un camiño de rosas. Os que poden adícanse a xornada completa, paralizando as súas vidas, e renunciando as súas afeccións e a quedar cos amigos. Os que están traballando e levan moitos anos de interinos encadeando contratos, teñen que compaxinar o estudo coa súa xornada laboral, facendo auténticos xogos malabares para construír con esforzo o sono de saír da incertidume que produce non saber canto tempo durará a baixa que están cubrindo, ou se a seguinte chamada será para cubrir as vacacións nun posto de traballo a máis de cen kilómetros da súa casa.

Aos nervios do día do exame, para o que algúns levaban anos preparándose sen ningunha garantía de obter praza, houbo que sumarlle que nas oposicións de Educación deste ano, viviron unha especie de inferno na Terra, especialmente en Ourense, onde dentro das aulas as temperaturas superaban os trinta grados, en recintos onde nunca houbo nin aire acondicionado nin nada que lle pareza. Que Ourense é o forno de Galicia, creo que o sabemos todos e todas, que neses días estabamos en alerta amarela polas elevadas temperaturas, tamén, pero o que ninguén podía imaxinar é que coñecendo esa realidade, non se tomaran medidas. O resultado foi que debido ao intenso calor, os membros do tribunal tiveron que asperxer con auga, abanear, ou mesmo atender mareos de persoas que levaban anos esforzándose para ese día D.

Unha auténtica vergoña pola que alguén debería asumir responsabilidades.