Purpurina

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

03 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coido que se facemos calquer exercicio de causa-efecto, por exemplo, os 5 porqués ou un diagrama de Ishikawa, chegamos a un efecto que colle nunha única sentenza: o Concello de Ourense, nin arre nin xo. Máis descubrir a causa raíz non é simple. Debullar entre organización, procesos, persoal e material aquelas causas nas que podemos inferir, deixanos a raspa do xurelo limpa e queda o problema analizado. Dende DO fan unha simplificación de bar, redúceno a un chincho e pápano con cabeza e rabo. As solucións aos problemas de Ourense non pasan por unha moción de censura.

Outros están a facer mocións e estanlle quedando preciosas. Unhas teñen ese fino pó dourado que lle chaman purpurina e refulxen. Rocío de Frutos, que no 2016 era apartada como voceira da Comisión de Empleo, que rompeu a disciplina de voto por decir No a Rajoy, que tivo que recorrer a multa imposta, que impulsou unha proposición de lei para crear un rexistro de horas traballadas e atacar o fraude laboral, no limbo ate onte, hoxe está mais preto dun ministerio, madia leva. Xa estamos máis preto de deixar o «B» e voltar á luz. Brillantina. No Concello de Ourense andamos como cando se estraga o fluorescente da cociña, cun tremeloce que levanta dor de cabeza; Don Armando e don Gonzalo trataron de comparar unha con outra, unha pequena mentira, pois os argumentos non eran semellantes. Na nosa moción fáltalle o «e», das emocións. Os diálogos nunca foron posibles, porque sempre se gardaron os sentimentos viscerais. Neste caso a desconfianza é tal que non se chega a unha mesa franca, nin para buscar as causas da parálise permanente do concello de Ourense. Cando a desconfianza é manifesta entre toda a corporación, non queda máis que recorrer a leis, informes e sentenzas, desbotando a política, e quedar baixo a inercia burocrática. Coido que outro camiño é posible. Precisamos políticos que, primeiro sexan honestos consigo mesmos, que manteñan os ideais cos que naceron, que se senten a traballar e que saquen a provincia e a capital para adiante. Só pedimos que veñan cos catro humores de Hipócrates equilibrados, e que de vez en cando usen brillantina.