A importancia de falar e ensinar en galego

José A. Parente O OURENSE TERRENAL

OURENSE

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado, 17 de maio, polo día das nosas letras, as redes sociais e as distintas canles de comunicación enchíanse de textos, frases e palabras en galego, recordando o noso idioma, recollido como lingua oficial, e co deber de sabelo falar e o dereito a usalo por todos os galegos, no Estatuto de Autonomía de Galicia, 1/1981 do 6 de abril. Pero por desgraza a fala en galego no día a día se está a perder, tanto nas aulas cos máis cativos, como nas tertulias diarias, pero a situación comeza a ser preocupante sobre todo no mundo urbano.

Pero sempre quedan excepcións que loitan e cren na nosa lingua e no noso sinal de identidade. A comezos desta semana, na Insua dos Poetas, o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o secretario de Política Lingüística, Valentín García Gómez, homenaxeaban a Pura e a Dora Vázquez, dúas irmáns que loitaron pola cultura e a identidade de Galicia.

Os máis novos debemos ser os precursores e quen non abandonemos a nosa cultura, recompilándoa e difundíndoa, pero sobre todo, non abandonándoa. Un sinal histórico como e o idioma galego é froito de loita de moitos anos de grandes intelectuais, que incluso nas épocas máis decadentes e escuras nunca deixaron de utilizalo e a escribir en galego.

Pero remontémonos máis atrás. O rei castelán Alfonso X O Sabio escribiu as cantigas de Santa Mariña. Xunto coas cantigas dos trobadores como Martin Codax, as cantigas de amigo, son das primeiras fontes escritas das que temos coñecemento. Máis adiante o galego pasou a un período de ostracismo, pero apareceron grandes intelectuais e escritores como Rosalía, Pondal e Curros levando ao idioma galego desta forma ao rexurdir. Na primeira década do século XX comeza a alcanzar o seu máximo esplendor coa creación das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Chegou a Xeración Nós que, composta polo cenáculo ourensán, Losada Dieguez, Risco, Otero Pedrayo ou Cuevillas, loitou polo galego no período de preguerra civil. Pasada a guerra civil e nos anos 50 coa creación da editorial galaxia, empezan a aparecer escritores como Celso Emilio ou o propio limiao Carlos Casares.

En palabras de Florentino López Cuevillas: «Non desesperedes, os que de verdade sintades a emoción galega, seguide sempre con fe, e si se vos ocorre pensar acaso que sementades ou se solo esparexedes, desbotade ise pensamento e tede por certo que calquer traballo, grande ou pequeno, duro ou livián, que emprendades en nome de Galicia, é sempre sementeira».