Falecemento de José Gallego Aguiar, Chuti
20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Deixounos José Gallego Aguiar, Chuti e a Coral De Ruada está de loito, de loito rigoroso porque «Chuti» non era un coralista máis, senón un dos máis importantes persoeiros da historia da Coral de Ruada. Chuti entrou na Coral -da que xa formaba parte o seu pai, o coñecido Emilio do restaurante Pingallo- nos anos corenta e, dende entón, a figura impoñente de Chuti foi un dos símbolos máis recoñecibles de De Ruada ata os primeiros anos noventa, cando deixou a Coral despois dunha merecida homenaxe. Foi un excelente baixo e tocou o bombo e o tamboril, pero todos o lembramos coa pandeireta na man, marcando coa exactitude do metrónomo máis preciso os tempos de trulladas e pandeiradas. Aínda hoxe, cando viaxamos pola provincia e por Galicia, moita xente nos pregunta por el. Á marxe desta imaxe icónica que todos mantemos de Chuti, hai unha faceta que moi pouca xente coñece: ao longo dos máis de cincuenta anos da súa militancia ruadista, tivo que facerse cargo en varias ocasións da dirección da Coral nalgunhas actuacións ás que o director do momento non podía acudir. Formou parte da xunta de goberno en moitas ocasións e foi un defensor sen concesións da institución. De Ruada, ao longo de tantos anos de vida, tivo momentos de dificultade que mesmo ameazaron a súa supervivencia e Chuti, en todos eles, foi un dos piares sobre os que se asentou a súa continuidade. De Ruada premiou tanta dedicación nomeándoo Coralista de Honra e concedéndolle a Insignia de Ouro. O 5 de xaneiro, cando a cabalgata dos Reis estaba a percorrer as rúas da nosa cidade, o presidente da Coral, Samuel Lago, o noso director, Xoán Antón Vázquez, e eu mesmo quixemos exercer de Reis Magos e visitámolo no seu domicilio para agasallalo co noso último cedé-deuvedé De Ruada entre Amigos e as Obras Completas de Prado, Lameiro, reeditadas pola coral. Vimos a un home feliz de atoparse entre ruadistas e falando de De Ruada, que era a súa paixón. Para nós foi unha visita inesquecible, na que nos deu parabéns, consellos, nos animou a seguir adiante por moitos obstáculos que atopemos no camiño e mesmo nos cantou algunha cantiga.
Hoxe, ás 17,30 horas acompañaremos a Chuti para darlle o último adeus na igrexa de Santo Domingo, coas nosas mellores galas como corresponde, segundo temos establecido, a un dos nosos compañeiros máis ilustres.