Elefantes que lexislan

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Hai pouco máis dun mes, millóns de mulleres saímos á rúa para reclamar igualdade de dereitos efectivos. Foi unha xornada histórica que deixaba ver ás claras que estamos fartas de non ter as mesmas oportunidades, de estar discriminadas, e de ter que ir pedindo permiso (ou perdón) por ter ambición... Parecía que algo empezaba a mudar. Non está todo conseguido (nin moito menos), máis desta volta polo menos fixemos ver que sabemos que non está todo conseguido, pero que ambicionamos logralo. O mundo está mudando. A sociedade está mudando. O que non muda é o Tribunal Constitucional, que acaba de avalar (¡en abril do 2018!) que se subvencione con diñeiro público a colexios que segregan por sexo. Si, si, deciden que os nenos e as nenas non poden medrar e estudar xuntos... non vaia ser que nalgún momento elas queiran ter os mesmos dereitos que eles. En pleno século XXI semella que algúns maxistrados (8 dun total de 12 que se encargaron dese asunto) viven noutros tempos, e non sempre tempos pasados foron mellores, sobre todo se falamos de igualdade entre sexos. Aínda non se saben os argumentos polos que os maxistrados chegan a esa conclusión -porque só se deu a coñecer o fallo e non a resolución-, pero difícil aventurar a explicación que avale que educarnos por separado dá lugar a mellores resultados académicos. O que si avala é que dificilmente a sociedade camiñará cara un mundo máis igualitario se decidimos que as cativas deben estar separadas dos nenos. E despois aínda haberá quen se sorprenda cando un home decida non contratar a unha muller só por ser muller.