A cooperación non é algo alleo a nós

Felipe Ferreiro FIRMA INVITADA

OURENSE

RAQUEL P. VIECO

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

OBarco acolleu recentemente unha nova cita do ciclo «Café con cooperantes» de Cruz Vermella en Galicia, neste caso con delegados chegados dos campos de refuxiados de Grecia. Foi na asemblea de Valdeorras, nunha actividade con voluntariado da organización e persoas ligadas de forma profesional ou persoal á cooperación internacional.

Nunha sociedade na que todo é virtual, case é un luxo poder facer unha paréntese nas nosas axendas, e falar cara a cara con persoas que teñen algo que contar. Escoitar e aprender a través da experiencia de persoas valentes, que son capaces de deixar por un tempo o seu entorno, as súas familias, por axudar a outras que en moitos casos teñen só a incerteza como horizonte.

Despois duns anos centrados en paliar as consecuencias da crise económica, hoxe volvemos a falar dun campo de traballo que está no ADN da Cruz Vermella. Porque a cooperación internacional é algo intrínseco á nosa organización e hai que entendela como unha ferramenta de axuda efectiva.

O labor humanitario de organizacións que traballan en contextos difíciles, como pode ser nun país en guerra ou tras un desastre natural, hai que reivindicalo como a única solución á desigual sorte das persoas que habitamos este mundo, sen que a ninguén nos preguntaran onde queriamos nacer. Como exemplo temos a última crise humanitaria que diaria e tristemente chega ás costas europeas. Só no ano pasado, Cruz Vermella atendeu a máis de 24.000 persoas nas costas españolas. Traballamos na acollida e integración das persoas que piden asilo e que están máis preto de nós. Pero non podemos esquecer o traballo en favor da paz e do impulso do Dereito Internacional Humanitario por parte da nosa organización.

A humanidade, un dos principios fundamentais da Cruz Vermella, é tamén unha das virtudes do voluntariado e cooperantes internacionais. Lamentablemente, en moitas ocasións realizan o seu labor con dificultades e en situacións perigosas; tanto, que se non se respectan os símbolos, a súa vida corre perigo, como ten acontecido nos últimos meses. Por iso, non podemos deixar de lembrar que os traballadores humanitarios non son un obxectivo, e que manifestamos a nosa condena a accións como bombardeos a campos de refuxiados ou convoi de axuda; actos que rompen non só coas normas e leis establecidas, senón que supoñen un antes e un despois nas operacións de cooperación, deixando a milleiros de persoas orfas de dereitos e dignidade.

Hai quen di que todo está conectado, o famoso efecto bolboreta. O que está claro é que na construción dun mundo máis xusto é indispensable a cooperación internacional dos distintos axentes implicados.

Sabendo das historias contadas por Leticia Santaballa e a Ahmad Matar no Barco, e da ilusión de María Fernández-Vivancos, moza ourensá que marchou a semana pasada a Kirguistán a colaborar como voluntaria nun proxecto de saúde, teño claro que non podemos fallar.

Dende a cooperación debemos seguir ofrecendo unha resposta e recuperación temperá ante desastres e axuda humanitaria ás vítimas de conflitos, poñendo especial énfase no traballo da resiliencia, é dicir, da capacidade das persoas de adaptación positiva a situacións adversas. Igualmente importantes son os proxectos a medio ou longo prazo de auga, saneamento, seguridade alimentaria ou medios de vida.

É o noso momento, a nosa oportunidade para afrontar grandes retos, traballar pola paz, reducir as desigualdades sociais, de poñer fin á pobreza en todas a súas formas, de acoller a axenda dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcada pola ONU para 2030. Por solidariedade e humanidade, tomemos conciencia de que a cooperación non é algo alleo a nós.

Felipe Ferreiro é presidente provincial de Cruz Vermella