«O éxito maior foi crear comunidade»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Non é un adeus definitivo, di Xulio Conde, que anunciou que se apartaba da escola que fundou

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi unha decisión meditada durante tempo, pero mesmo así, Xulio Conde (48 anos, 31 deles sobre unha bici) recoñece que apartarse da dirección da escola e do club de ciclismo de Maceda, logo de trece anos á fronte, «é duro».

-É un adeus temporal ou definitivo?

-Son trece anos de moita dedicación, consumindo toda a vida dun. Son cousas que doen, pero necesarias para min neste momento a nivel persoal. Necesito un respiro durante un tempo para pensar e decidir que podo aportar no mundo do deporte base e volver con folgos para non cometer erros. O ciclismo e ser preparador de rapaces é a miña paixón. Non é un adeus definitivo.

-Hai relevo na escola?

-Esta escola é como unha sociedade cooperativa, ten monitores e pais que dan cada un a súa parte. Unha persoa pode estar ou non, pero hai unha estrutura de pais que continuará. Os pais botan unha man a todos os rapaces. Eu serei un pai máis, pero sen levar a voz cantante. O éxito maior foi crear comunidade.

-Nos inicios, o traballo coa base foi o motor?

-Partimos con esa idea, pero foron despuntando rapaces como Pablo, Iván, Carlos e outros. Foi como consecuencia dunha forma de traballar, sen obxectivos ambiciosos, pero pensando sempre en estar apoiando. Había rapaces con proxección internacional pero seguiamos mirando para os da base, sen perder a perspectiva de que isto é un xogo no que os nenos poden coller valores.

-Que aporta o ciclismo como deporte aos nenos?

-Moitos valores, como calquera outro deporte. Fai ter unha perspectiva da vida, crer en ti mesmo, nos obxectivos que te podes marcar. Este ano empezamos a traballar con rapaces con problemas de mobilidade e para eles dar unha pedalada é un logro igual como pode ser para Pablo (Rodríguez) ser campión do mundo. Non é só competir, senón estar con todos os chavales, desprazarse por aí...

-Se non fose pola escola de Maceda, terían saído adiante Pablo Rodríguez ou Iván Feijoo?

-Igual serían grandes futbolistas. O que terían sido ou non, non sei. Teñen a cabeza ben amoblada e algo farían.

«Tiña mitificada a escola dos muchachos do pai Silva»

Xulio Conde cre que o que fixeron en Maceda se pode facer noutros lugares. Conseguiron instalacións cubertas aproveitando dúas naves que estaban sen uso que lles cedeu o Concello e prepararon os propios pais. Chegaron logo tamén apoios da Xunta e da Deputación, que creron en apoiar «deportes pequenos». Pero, di Conde, «non fan falta grandes investimentos». O club tamén gozou da confianza dos organismos federativos para organizar ata probas nacionais. «Foi un sobre esforzo, pero un premio ao que se facía cos rapaces»

?Cal é a filosofía de traballo cos nenos?

?Sempre crin en apoiar aos rapaces. Na educación foméntase a competitividade, as notas, pero conséguense máis éxitos se lle fas ver a un neno con dificultades que é un logro sacar un cinco. Pois igual para un neno é importante só acabar unha carreira. Eu tiña mitificada a escola dos muchachos do pai Silva, no que os rapaces eran un bastión.