Todo acto primixenio leva canda el un valor engadido que remata por convertilo nunha referencia temporal e histórica. E nesa liorta acostuman as institucións, os políticos, os colectivos, as asociacións e mesmo o veciño do terceiro que ten afán de notoriedade anunciando proxectos pioneiros, iniciativas desas que nunca tal se vira, propostas históricas e cousas polo estilo. Moitas das veces rematan por aparecer as referencias de onde foron copiadas ou en que lugar estaban xa funcionando cousas polo estilo, mais daquela a baza mediática e política xa está amortizada e pouco importa.
Neste escenario semella cousa estrana que a ningún dos noventa e dous concellos da provincia se lle ocorrese polo de agora dárlle o nome de Amancio Ortega a unha rúa. Ou se fan as cousas ben ou non se fan, e como deixou dito Ben Cho Shey as homenaxes ou se gozan en vida ou farrapos de gaita.
Daquela veña, comeza a carreira por ver cal é o primeiro municipio da provincia de Ourense que conta cunha rúa, avenida, praza, aira, campo, mirador, instalación deportiva ou o que sexa con ese nome. El non se gabaría nin nada o alcalde que tal cousa conseguise... e o Concello... e os veciños (non todos claro, que xa se sabe que para gostos hai cores e neste apartado a paleta dos mesmos ten abondo)...
Tamén está a opción feminina, por aquilo de que hai unha aposta por equilibrar os rueiros e facer xustiza coas mulleres que non tiveron o recoñecemento merecido. Nese suposto a elección non admite dúbida: Zara.
Veña, que xa tardamos.