A imaxe de As Burgas

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque o entorno de As Burgas -ou A Burga, a grande e a pequena, como seica se lle chamaba en tempos- non pasa a proba con nota. Fronte á imaxe de postal e icona da cidade, agora co alumeado propio das datas para facelo todo moito máis recurrente, está a outra de terreos abandoados, actividades marxinais e suspenso en seguridade e hixiene.

Ben mirado o que fomos gañando con actuacións salientables -como o centro de interpretación, a rehabilitación das casas do casco histórico que dan á zona e outros proxectos- o estragamos con propostas que se foron quedando no caixón dos asuntos pendentes. E daquela nin temos máis que broza no cárcere vello -que xa vimos convertido en museo histórico da cidade, hotel termal e non sei que máis lerias-, nin outra cousa que un vertedoiro no espazo da antiga casa de baños e, por ter, nin temos máis que unha praza de abastos que hai moito tempo que deixou de pasar a ITV da renovación que foron acometendo espazos similares en todas as cidades.

O evidente no día a día póñeno enriba da mesa agora os pais dos alumnos que cursan os seus estudos no colexio da zona. O mal estado do entorno, a presenza de xiringas nos arredores do centro educativo, a accesibilidade e moitos outros aspectos forman parte das preocupacións e as denuncias do colectivo.

A cidade que se reivindica como a capital termal de Galicia sigue a ser un espazo orfo dunha instalación hoteleira balnearia e a imaxe dun dos ser reclamos turísticos suspende o exame dos propios cidadáns. Algo falla.