Producións Excéntricas chega hoxe ao Teatro Principal coa primeira versión de Valle-Inclán en galego
28 oct 2017 . Actualizado a las 20:56 h.Producións Teatrais Excéntricas chega ao Teatro Principal este domingo (19.00 horas) cunha montaxe que entrou na historia do teatro galego desde antes da súa primeira representación. O director de «A cabeza do dragón», primeira versión dun texto de Valle-Inclán en galego, manifestouse rexo naquela altura: «Representar a Valle-Inclán en galego contribúe a crear un teatro nacional».
-¿Situación normalizada?
-Si. A polémica xa é historia. Había unha xente que se opuña a que se representase a Valle-Inclán en galego, rematou o tempo no que podían impór esa medida por ter os dereitos de autor e xa non hai máis que dicir.
-¿Cumpríronse as expectativas?
-De sobra. Estamos tendo unha gran acollida coa montaxe, ao público estalle gostando e temos unha demanda importante en canto a representacións. Hai interese e mesmo estamos pendentes de participar nalgúns encontros e nun festival, aínda que non queremos adiantar nada antes de confirmalo.
-¿Por que «A cabeza do dragón»?
-A intención era fuxir un pouco das pezas máis coñecidas ou os títulos cos que se asocia autor. Tamén do esperpento e demais. «A cabeza do dragón» é unha peza moi axeitada, festiva e carnavaleira. E ten distintas cualidades, entre as que destacan a danza, a pantomima, as loitas e outros aspectos que contribúen a salientar as cualidades dos actores.
-¿Satisfeito do resultado?
-Moito. María Costas, Víctor Mosqueira, Iván Marcos, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina e Marcos Orsi -Quico Cadaval tamén actúa na obra- fan un traballo extraordinario e o resultado é unha obra que atrapa ao espectador dende o primeiro momento.
-Referiuse nalgunha ocasión a que falta un compromiso público para facer «As comedias bárbaras» e que estas son a representación de Galicia. ¿Vainas facer algún día?
-En todo caso unha, as tres xa me parece moito e ao mellor é excesivo. Por solto ou por xunto o que está claro é que son unha mirada singular sobre o país e ata non habería que tocar a linguaxe porque practicamente están escritas en galego.
-Nalgunha ocasión falou de dar unha nova versión.
-Creo que debemos chegar ao público escolar e quero facer unha versión na que os membros do Taller Atlántico Contemporáneo, que compuxeron a música da obra, toquen connosco en directo durante a representación. É un proxecto de futuro.