Turismo e lume

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo muda e nos novos tempos de exhibicionismo e curiosidade excesiva pola vida allea os incendios non ía ser menos. Turismo de lume, lle chama un que acostuma a traballar nesas situacións de risco que arrepían só de velas nas imaxes das noticias da televisión. O certo é que hai moito espectador que se achega aos incendios, con móbil sempre en perfecto estado de funcionamento, para disfrutar do «espectáculo» e ao mesmo tempo ocuparse en exceso de coller as mellores imaxes ou gravacións para, xa!, metelos nas redes sociais e disfrutar dese intre de gloria de fume. Están aí, á beira, nalgúns casos van provistos desas máscaras brancas que puco máis fan que nada e, sen fallo, armados co seu teléfono móbil -sempre- ou a cámara fotográfica. E a disfrutar da traxedia mentras os brigadistas, bombeiros e voluntarios loitan contra as lapas. Tamén os hai que apostan polo día despois para dar conta da desfeita que provocan os que decidiron aproveitar o despoboamento e o abandono dos pobos e as fincas para dar saída ao seu particular complexo de emperador romano déspota.

Por entre nós, e volvendo os termos do enunciado, o lume tamén rematou por dar conta de moitos dos recursos turísticos que seica estaban chamados a tirarnos do esquecemento. Rutas de sendeirismo, espazos naturais protexidos, aldeas rurais anunciadas reiteradamente como un futuro maná do sector, percorridos de bicicletas de montaña para deportistas de fin de semana e moitas outras infraestruturas son xa historia de cinza e fume. E volveremos empezar, sen barallar outras alternativas aos vellos usos que non rematan por dar resultado.