Olga Brañas chega ás festas con Pitusa Semifusa 

Emilio Rodríguez Portabales asina un artigo sobre o traballo da compositora ourensá


Hai case tres anos que escribía neste mesmo xornal unha pequena recensión do libro-CD «Pitusa Semifusa» da ourensá Olga Brañas e resumía o meu parecer sobre o mesmo coa expresión «unha gozada». Non debín se-lo único que o pensou e a proba é que a edición de tres mil exemplares está esgotada, o que, tal como anda o mundo dos discos nestes tempos, é toda unha fazaña.

Hoxe acabo de ler e escoitar unha nova entrega deste proxecto que, se daquela trataba de dar a coñecer aos máis pequenos as familias e tipos de instrumentos musicais, agora proponse explicar os distintos estilos musicais.

Despois da cantiga «Pitusa semifusa e os estilos musicais», que fai de presentación, sucédense «O pop pituso», «O reggae pituso», «O folk pituso» , «O rock pituso», «O blues pituso», «O swing pituso», «O funky pituso« e «O hip hop pituso», con letras, melodías e arranxos moi ben acaídos para cada un dos estilos musicais, para rematar co «Cuscús pituso» a modo de colofón e síntese.

Como na primeira entrega, as ilustracións realizounas -moi fermosas, por certo- Leandro Lamas.

Olga Brañas é a autora das letras e da música. Os arranxos foron realizados por Olga coa colaboración de Pedro Pascual (no primeiro tema) e Pablo Vidal nos restantes. A propia Olga toca o piano, teclados, pandeireta e choca e mesmo fai coros en varias cantigas. Volve contar coa colaboración de varias voces e instrumentistas que xa participaran no traballo anterior, como Andrea Picos, Pablo Vidal, Quim Farinha, Clara Pino e Sérgio Tannus e incorpora novos colaboradores, tanto na parte vocal como na instrumental: Sonia Lebedynski, Ana Pérez Varela, Brais Morán, Marta Bravo, Leandro Lamas, María Beltrán, Raquel Risco, Xaquín Laxe, Karolina Svefors, Nerea Iglesias, Estela Ventureira, Pablo Bouzas, Pilar Ferreiro, Pedro Pascual, Carliños Freire, Aser Álvarez, Pablo Dalama, JaviGDjazz, José Luis Miranda, Xosé Ramón Vázquez, Ramón Figueira, Pablo Pascual, Arturo Rúa, Narci Rodríguez e Lucía Cortiñas. Non é este o espazo axeitado para facer unha análise pormenorizada de cada un dos temas, pero recoméndolles que non se perdan o «O hip hop pituso», cantado por Leandro Lamas -si, non me trabuquei, o propio ilustrador!- e cun aceno ao himno galego.

A estas alturas xa non sorprende a calidade e coidado que Olga Brañas pon nos seus traballos: letras e músicas sinxelas e divertidas para o público infantil ao que van dirixidas e arranxos agradables e moi eficaces sen caer no melindroso, como ocorre en tantos outros casos. Estou seguro de que este novo libro-CD de Olga terá, cando menos, o mesmo éxito -xa o está a ter- ca o anterior. Os ourensáns teremos ocasión de escoitar este traballo en directo o domingo, último día das festas, na praza de San Martiño a partir das oito da tarde.

Remato como rematei ao referirme, hai tres anos, ao traballo anterior: «Unha gozada». Parabéns a Olga Brañas por este novo e excelente traballo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Olga Brañas chega ás festas con Pitusa Semifusa