Contribuíron a unha maior visibilidade

Isabel Mociño FIRMA INVITADA

OURENSE

13 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Botar a andar campañas a prol dunha maior conciencia social sempre é unha boa nova. Que sexa para propoñer unha muller para o Día das Letras Galegas de 2018 é de xustiza (histórica e social) e moito sentido común. Porén non deixa de ser tamén síntoma de que vivimos nunha sociedade na que non se teñen estabilizado mecanismos que propicien unha igualdade real entre mulleres e homes. Probablemente un dos máis eficaces e seguros sexa o da educación, onde as mulleres temos moita responsabilidade.

A decisión final dos membros da Real Academia Galega non é doada en cada edición. Colectivos, institucións e tamén intereses/inclinacións particulares exercen presión por puxar polo candidato/a da súa preferencia. Isto é lexítimo e tamén moi galego. Somos unha terra de «leiriñas», de tirar cada un para o seu, aínda que na cultura todos/as facemos país. Como muller e galega calquera das dez candidatas que se propoñen para o Día das Letras Galegas 2018 teñen o meu apoio. Elas destacaron no seu tempo en diferentes campos a prol da cultura e contribuíron a unha maior visibilidade da muller no plano social. Porén, como ourensá non podo deixar de reivindicar o recoñecemento das dúas representantes desta provincia que están nese «decálogo» feminino: Filomena Dato e Pura Vázquez.

Sen dúbida, a elección de Filomena Dato significaría unha nova ollada sobre a historia do feminismo en Galicia e sobre o papel das mulleres no Rexurdimento, que se ten restrinxido a un nome: Rosalía de Castro. Sirva como mostra da posición da autora ourensá o poema co que se inicia o seu libro Follatos (1891): Defensa d’as mulleres.

De ser elixida Pura Vázquez estaríase a reivindicar a obra dunha muller que participou na recuperación cultural da posguerra e, sobre todo, foi unha mestra consciente da necesidade de escribir para os máis novos, as xeracións que son o futuro da sociedade, as garantes da continuidade cultural e da súa vida en normalidade. Non sen razón se recoñecería a unha das autoras fundacionais da Literatura Infantil e Xuvenil galega, esa produción que hoxe é a máis innovadora e internacionalizada do sistema cultural galego.

Razóns non faltan para que sexa elixida unha muller ourensá para as Letras Galegas de 2018. Que así o decida quen toma a decisión é outra historia.