Non pido perdón

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

Aqueles días, os membros do PP de Galicia saían pitando en canto se lles achegaban os xornalistas para preguntarlles que lles parecía que un membro do seu partido, o presidente da Deputación de Ourense, acabara de ser denunciado por unha muller por presuntamente ofrecerlle traballo a cambio de sexo. Algúns (os menos) atrevíanse a dicir en voz alta que se trataba dun caso persoal, e cando a oposición interpelou no Parlamento a Feijoo por este tema, provocou tal cabreo entre as bancadas por non contestar ás preguntas que todos os grupos, agás o popular, abandonamos o hemiciclo. Pois ben, nesta ocasión o presidente da Xunta non esperou nin 24 horas para facer unha valoración acerca do sobreseemento provisional e o arquivo das actuacións contra o barón ourensán polos presuntos delitos de acoso sexual, cohecho e tráfico de influencias, asegurando que «quedaba reposto o respeto hacia Baltar», e que os que pedimos durante todos estos meses a súa dimisión «deberíamos agora pedir perdón».

Eu non pido perdón despois de escoitar: «Si quieres algo, no la cagues, joder». Ou non era a del a voz daqueles audios? Non podo respectar a quen chegou a pedir o cambio de día da súa declaración coa escusa de que tiña que tiña unha viaxe prevista a Disneylandia. Non me vou a desculpar ante quen constituíu un comité de ética a medida, que lle dimitiu en pleno antes de ditaminar sobre a denuncia de emprego por sexo. Eu non podo respectar a quen non respecta ás ourensás, nin a institución que preside. Non vou pedir perdón a quen o día en que se debatía a súa reprobación, decidiu ausentarse do pleno da Deputación, e que chegou a impedir o aceso ao pazo provincial ás ourensáns e ourensás que lle pedían explicacións.

Para xulgar xa está a Xustiza, pero máis aló do que se decida coa lei na man, están as responsabilidades políticas de quen segue pensando que o pazo provincial é o seu castelo feudal. O que todos e todas puidemos escoitar naqueles audios resulta tan detestable dende a ética política que eu non pido perdón, senón que sigo pedindo a súa dimisión.