«Sempre fun crítico dentro do BNG»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O novo responsable local do Bloque aspira a recuperar a representación na cidade

16 may 2017 . Actualizado a las 17:35 h.

Quedamos con Luís Seara (Ourense, 1964) no Posío. Alí medrou el e tamén a súa conciencia política. No seu recordo, as protestas que frearon o proxecto de Cabezas para reformar o xardín. Despois viñeron moitas outras loitas e agora enfronta un reto máis, tomar as rendas do BNG na capital ourensá. Para el é unha satisfacción «enorme».

-¿Foi sinxelo conseguir unha lista única?

-Facilísimo. A total predisposición por parte dos compañeiros que xa estiveron no anterior consello local foi máxima desde o primeiro momento. Unha das razóns precisamente pola que eu son o responsable local e porque o anterior, ao cal eu persoalmente lle agradecín na asemblea o seu esforzo e a súa dedicación, ten unha situación a nivel laboral que lle impide dedicarse a tempo completo e estamos nun momento no que na organización valoramos que hai que estar absolutamente centrados no traballo político na cidade.

-Pois hai quen pensa que a renovación non pode chegar cunha persoa como vostede, con tantos anos de experiencia ás súas costas. ¿Que lles diría?

-En todo caso a renovación nunca ten que vir pola man do documento de identidade, ten que vir pola man das ideas, dos proxectos e, nese sentido, e así o faremos expreso ao resto dos compañeiros, temos proxectos; temos identificado as nosas fortalezas e as nosas debilidades. Temos eivas, temos carencias e por iso a aposta é que sexa un consello local con absoluta dispoñibilidade para o traballo diario. Temos efectivamente moitas cousas que mellorar.

-Vostede foi un dirixente clave no PNG-PG e moitos dos seus compañeiros abandonaron o BNG trala traumática asemblea de Amio. ¿Por que vostede non?

-Eu sempre fun unha persoa crítica dentro do BNG porque creo que ademais iso é moi positivo. O que pasa é que eu tamén son dos que pensa que as discrepancias non poden ser en ningún caso motivo para ir en contra da liña programática da organización, guste ou non guste quen a dirixe nese momento. Un ten que estar ao servizo da organización independentemente diso. Eu é o que levo facendo sempre. Desde que eu estou no Bloque teñen pasado diferentes portavoces nacionais e diferentes candidatos e a miña entrega foi exactamente a mesma. Hai que entender que na democracia hai un xogo de minorías e maiorías.

-Hai quen di que foi por conservar o seu emprego como asesor do partido na Deputación.

-Eu antes de estar no Bloque xa traballei na empresa privada e, precisamente, o feito de estar como asesor na Deputación en ningún momento me impediu dicir o que eu pensaba dentro dos órganos do meu partido. Non sei se hai moita xente que poida dicir o mesmo.

-¿Está satisfeito co rumbo do seu partido con Ana Pontón como voceira nacional?

-Eu estou en absoluta sintonía coa viaxe que está a facer a organización. É un discurso inclusivo, dirixido á pluralidade da sociedade galega. Paréceme, ademais, que é un discurso que se entende moito mellor e nós nalgún momento tivemos precisamente dificultades para facernos entender. E tamén o que percibes na rúa cando falas coa xente da cidade é que temos unha moi boa portavoz nacional.

-¿Que erros cometeu o BNG para perder a representación no Concello de Ourense?

-Nós temos feito autocrítica e ás veces de forma intensísima. Evidentemente pagamos o prezo do noso paso polo goberno. Cometéronse erros dos que temos aprendido, que é o importante. Ademais, as escisións en Ourense tiveron un impacto moi grande porque moitos cargos e xente que foron cargos moi importante marcharon, o cal nos deixou nunha situación de debilidade.

-¿Que opinión ten da xestión que está a facer o alcalde?

-¿Pero está facendo xestión o alcalde? Eu creo que non hai goberno. O Concello está presidido pola inacción. Non se están asumindo as grandes cuestións e hai están aínda pendentes o plan urbanístico ou o AVE. Para min, o alcalde actúa máis como delegado da Xunta que como alcalde da cidade.

-¿Vostede apoiaría unha moción de censura como a que pretende Gonzalo Pérez Jácome?

-Hai cuestións que hai que ter claras desde o primeiro momento. Para que unha moción de censura prospere ten que haber unha situación de absoluta parálise do Concello e ten que ser en base a proxectos que teñan unha certa coherencia. O proxecto de Jácome e do BNG están nas antípodas. El o que pretende é o poder polo poder e eu creo que se pode facer unha oposición construtiva.

-E Ourense en Común, que ocupa un espazo político similar ao do BNG, ¿fai boa oposición?

-Polo que falas con xente do ámbito do nacionalismo ou que se move cerca, eu creo que había unhas expectativas altas que non se cumpriron. Eles terán en todo caso que dar as explicacións pertinentes, pero eu desde fóra creo que non levan aportado nada novidoso nin distinto ao que no seu día aportou o BNG como organización.