Debuxos feitos «á marxe»

EDITH FILGUEIRA OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Nenos de Seixalbo converten textos do ourensán en ilustracións

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A celebración das Letras Galegas serve para centrar a atención, por uns días, nun autor cuxa traxectoria é indiscutible. Pero o xeito de afondar nel pode variar. No colexio plurilingüe de Seixalbo decidiron bucear nas columnas que Carlos Casares escribiu en La Voz de Galicia durante tantos anos. A idea chegou dunha admiradora do ourensán que garda todos e cada un dos textos publicados por Casares no periódico na súa faceta como columnista. Falaba neles de temas tan diversos como a súa colección de edicións de El Principito en diferentes idiomas ou a súa militancia nun partido comunista durante a súa época de estudante en Santiago de Compostela e así o mostran en Seixalbo.

A profesora de sexto de Primaria Leticia Prieto foi a encargada de facer unha primeira escolma para que os alumnos puideran traballar con aquelas publicacións cuxo contido non resultara inintelixible para os nenos -xa fose polo seu vocabulario ou por referirse a personaxes políticos daquela época-. «A Infantil deixámoslles as máis sinxelas, as que falan por exemplo de comportamentos animais», explica a mestra sobre o total de 27 ilustracións que os alumnos realizaron tras ler conxuntamente os artigos de «Á marxe».

«Despois de lerlles a columna que escolleramos para eles -puntualiza Loli Casares, profesora de primeiro de Primaria- debuxaron libremente sobre o que entenderan e sobre o que lles explicamos para, despois, escoller a ilustración máis representativa, aínda que nalgúns casos optamos por facer recortes de varias e xuntalas».

Eses debuxos escolares compoñen unha exposición pero, ademais, o centro organizou unha pequena ruta por Seixalbo con carteis feitos polos pequenos con información sobre a vida e a obra do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O traballo realizado polos alumnos poderá verse mañá no local da asociación cultural As Agromadas de Seixalbo.