Transparentes

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

01 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos nunha provincia na que desde a Deputación se enchen a boca co transparentes que son, e ata hai quen di que tal certo é. Pero despois, nalgo tan fácil como meter os datos nunha web e que calquera veciño (non institución, nin consultora, nin experto, senón calquera ourensán que paga os seus impostos) poida comprobar como de ricos eran os que nos gobernaban antes de estar na xestión pública e como de ricos son cando marchan... Aí non. Transparencia debe querer referirse a que se ve o fondo da pantalla en branco... pero non é iso. Algo de datos si que temos do que se gasta a Deputación nalgúns dos viaxes do presidente, de quen os alcaldes se teñen queixado de que é case imposible conseguir unha reunión. Hai a quen ten meses esperando. Entre que non está e que lles fai o baleiro aos que non son da súa corda... ¿E non sería máis útil que Baltar se ocupara de falar e axudar aos rexedores para resolver os problemas dos ourensáns en lugar de andar por Washington á aventura e gravando vídeos a modo de adolescente instagramer? ¿Non é o cometido da Deputación dar servizos, en lugar de buscar negocios? ¿Non saberán máis diso nas organizacións empresariais e comerciais? Igual o que debe facer a Deputación é axudar a que, quen sabe, se encargue de buscar negocios. O de andar preocupado por facerse a foto con xente importante -porque o de sentarse cun Kennedy está claro que dá empaque- en varios puntos do mundo, mellor deixalo para as vacacións. E para os gastos da conta corrente. Esa que debería estar publicada co resto de datos da declaración de bens no portal da transparencia.