O OUFF volta ás súas orixes

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

10 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos unha sociedade de efemérides. E nese escenario pulamos co que sexa preciso para canalizar as nosas actividades, esforzos, inquedanzas e celebracións. Nesa espiral programada de santoral cultural o mesmo pasamos á zona de sombra a un escritor de referencia xeracional como o sacamos en procesión para conmemorar o medio século da publicación da súa obra cimeira. E podería cadrar o exemplo de Cortázar e Rayuela con esa mariola na que de sempre andivo enredado o OUFF. E así, o mesmo queimamos os foguetes todos para celebrar os 15 anos e o fermoso futuro que está por chegar, que rematamos por recoller os cascallos da baixada aos infernos. E voltamos ao comezo para pórnos fronte as casas numeradas no chan para encetar unha vez máis. Un, dous, tres, catro...

O OUFF xa chegou de novo a onde estaba. En versión anovada e mellorada. Un proxecto no que de novo están a colaborar Concello e Deputación, como sempre coa implicación serodia da Xunta e a esmola do Goberno.

Agora compre reflexionar. Lembrar todo o que se fixo mal -denuncias cruzadas incluidas e derrubo controlado do consorcio- e apañar todo aquilo de proveito que se deu nestes anos. E cavilar sobre unha realidade que sempre estivo enriba da mesa: a necesidade de contar cun presuposto axeitado ao proxecto que se pretende desenvolver.

Que un presidente da Xunta viñese por vez primeira ao festival é un acontecemento. Agardemos que non fose só mediático e haxa unha implicación certa co sector e co proxecto do OUFF.