Despois de anos co proxecto aparcado nun caixón, a presentación da marca de Enoturismo de Galicia fixo que en Valdeorras recordaran que había aquí tamén unha Ruta do Viño, e que de seguro viría moi ben estar nesa nova marca e tratar de atraer turistas. Non foi sen tempo. E benvido sexa. Pero demostra que, unha vez máis, a comarca que debería ser punteira en moitas cousas, sigue durmida. Que só esperta cando lle tiran a auga por enriba, desta volta en forma de presentación a catro bandas (as outras catro rutas do viño) na que non estaba Valdeorras. Parecía que algúns espertaban, máis non moitos. Practicamente baleiro estaba o salón de actos do Barco nesa reunión. A unha sempre lle queda a dúbida se é que son catro os que queren manexar as cousas e que os demais se unan cando está case todo o peixe vendido; ou que só hai catro que se moven e o resto están esperando a que pase a corrente para deixarse levar. Sexa polo que fose, a reunión para relanzar a Ruta do Viño máis parecía un funeral para darlle o remate a un proxecto. Non pinta demasiado ben que as cousas comecen con poucos folgos. A do xoves debería ser unha reunión con moita xente, xente interesada no proxecto... polo menos de maneira inicial. Pero non. Apenas dez persoas. E coa falta de unión, unha vez máis, os proxectos quedan coxos. E desta maneira, de novo o turismo segue sen relanzar. Porque nalgún momento haberá que ser conscientes de que a unión é a que fai a forza, e que se Valdeorras quere ser un punto atractivo para os turistas non lle queda outra que unirse... Porque por separado, a cousa non dá para tanto.