Santi Romay protagoniza «O tolleito de Inishmann» esta noite ás 21.00 horas no Teatro Lauro Olmo de O Barco
21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Santi Romay chega hoxe ao Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras para representar «O tolleito de Inishmann». Ás 21.00 horas. Avisa: «É unha obra sobre todo para rir. McDonagh traballa moito baixo o humor negro, con esa retranca que teñen os irlandeses e os galegos, moi similares».
-¿E a súa personaxe? ¿Que se pode contar sen facer spoiler?
-Interpreto ao protagonista. A historia está nas illas de Aran, en Irlanda, na costa oeste, nos anos 30. Neste mundo illado vive o meu personaxe, Billy, un tolleito rodeado de veciños bastante peculiares. Un mozo que quedou sen pais cando era moi novo e acollérono dúas tías coas que vive. Dentro deste mundo, recibe a noticia de que na illa do lado vaise facer unha película baseada en feitos reais. E ve a posibilidade de intentar chegar a facer algo polo que sentirse orgulloso e saír dese mundo que o ten recluído. É unha comedia con tintes dramáticos, en liñas xerais. Estivemos dúas semanas preparando este espectáculo na illa de Arousa. Fixemos un pase aberto ao público. Unha señora achegouse a min e díxome: eu quería rir, pero ao verte tolleito non me daba por aí. ¡Xa vexo que estás ben! Eu incito á xente a que ría, porque ten moito humor.
-Todos os actores xa son vellos coñecidos.
-Si. Eu co que máis traballei foi con Evaristo Calvo. En teatro, na televisión... Son todos fantásticos. Pero nunca traballara con Susana Dans, que a tiña aí como referencia, víraa moitas veces, é unha actriz marabillosa, e tamén unha compañeira fantástica, porque o que che dá en escena é excelente.
-¿E do director, Cándido Pazó, que di?
- É a segunda vez que traballo con el, xa o coñecía de antes. Dáche moitas claves á hora de facer o personaxe. Hai moitos que se centran máis en aspectos técnicos que nos interpretativos, pero Cándido, que é un actor de longa traxectoria, é un director que traballa moito co actor, que dá pautas para que poidas construír o personaxe.