A organización do Festival de Cine de Ourense seleccionou a película de Velo para rendirlle homenaxe ao realizador de Cartelle
07 oct 2016 . Actualizado a las 13:41 h.O OUFF 2016 anunciou onte os traballos que protagonizarán as galas de apertura e de clausura desta edición do festival de cine ourensán. Dúas citas, ás do 28 de outubro e 4 de novembro, que terán protagonismo ourensán: Santoalla, de Andrew Becker e Daniel Mehrer abrirá o OUFF, e o certame será clausurado cunha película histórica do ourensán Carlos Velo: Pedro Páramo.
Santoalla é a ópera prima dos realizadores estadounidenses e o filme documental está baseado nos feitos ocorridos no pobo de Valdeorras. A historia xira arredor de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses progresistas que só tiñan un soño: vivir no campo, lonxe das limitacións e complicacións da cidade. Con todo, ao chegar á aldea galega de Santoalla (lugar no que se rodou Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro), estes estranxeiros desafiaron as tradicións da única familia residente na localidade, iniciando un conflito de máis dunha década que culminou coa misteriosa desaparición de Martin. Mentres esta terra esquecida se ve inmersa no centro da polémica, Margo atópase procurando non só respostas, senón a forza para seguir adiante.
Homenaxe a Velo
O OUFF programou «Pedro Páramo» na clausura para «rendir a súa particular homenaxe á figura do ourensán Carlos Velo a través deste filme, do que se proxectará unha copia en 35mm cedida pola Filmoteca UNAM». A iniciativa faise en colaboración co Espazo Carlos Velo.