Os de aquí. Os de fóra. Todos. Bueno, todos non, pero a maioría. Nun país no que ninguén recoñece votar ao PP -salvo os que viven del, claro, solo faltaba; que eses, en Ourense, non escatimas horas nas redes sociais para loar ao líder que toque- as eleccións demostran que a xente vota ao Partido Popular. Ou vota Feijoo. Iso depende de onde se mire, e así o sabía tamén o dos Peares. Só había que dar unha volta pola provincia para ver como mudaban os carteis electorais. Na cidade o candidato, cunhas siglas de partido ben disimuladas; no rural, grandes faixas co nome do partido. O candidato era o de menos, o importante, o PP. Que hai quen vota a un partido por enriba de todo; pouco máis lle ten quen saia na foto. Hai quen fai iso, e hai quen non... Hai quen prefire que quen se supón debería ser o seu candidato (por ser o do partido do que viviu durante anos) consiga os peores resultados posibles, para iso de poder dicir «xa cho dixen, ti non vales, mellor eu (ou un dos meus)». Vellas glorias da política ourensán socialista -unhas aínda en activo, apostando por mostrarse como renovadoras pese a levar media vida vivindo do mesmo; e outras intentando recuperar un oco, unha acta de deputada que lle permita recuperar unha nómina agradecida- facendo horas de televisión, radios e xornais dicindo que a cousa víase vir. Que lles falta aplaudir en público (en privado está claro que o fixeron e ségueno facendo) polos malos resultados de Leiceaga e a dimisión de Sánchez. Deixan claro os socialistas o que un día un alcalde (socialista) me dixo: «Na vida hai amigos, inimigos e compañeiros de partido». Está claro que sabía do que falaba.