A prevención é a clave

Raquel Crespo PRESIDENTA DE LA ASOCIACIÓN PARA A PREVENCIÓN DA EXCLUSIÓN SOCIAL (APES)

OURENSE

Cando se fala de acoso escolar aínda se pensa, en ocasións, que se trata dunha situación de conflito que afecta en exclusiva aos centros educativos, pero isto non é certo; as consecuencias do acoso escolar traspasan as paredes da escola afectando á familia. É unha conduta que en certos ámbitos está normalizada, véndose como se fose «unha cousa de nenos»; mais, realmente trátase dunha situación que en casos extremos acaba de forma tráxica. Coñécense casos de acoso nos que a vítima ten que deixar a escola para poder recuperarse e os agresores son sancionados, pero parece que non é suficiente con eso. Contamos xa cunha regulación normativa na que se recollen protocolos de actuación no caso de detectar acoso escolar. Pero sigue faltando prevención. A sociedade actual está máis sensibilizada, probablemente debido ás noticias dramáticas que de vez en cando nos encollen o corazón. Aínda así non se ten asumido realmente o que sucede e quen intervén nunha situación de acoso escolar. Durante os últimos anos desenvolvemos en APES accións encamiñadas a comprender que está pasando; e sorprendeunos detectar que as familias nunca se imaxinarían que o seu fillo ou filla teña o papel de agresor ou que os docentes non contan con formación suficiente para detectar ou atender casos.

Por esta razón entendemos a prevención como a clave para evitar o acoso escolar. En APES colaboramos con centros escolares interesados en atopar medidas alternativas para facerlle fronte a este problema. Deseñamos proxectos que duran o curso enteiro coa implicación de docentes e alumnado sendo os nenos e nenas os protagonistas de campañas de sensibilización. Así, mentres toman conciencia, adquiren formación e difunden o coñecemento dentro do propio centro e fóra. Buscamos, en definitiva, estratexias de cambio que van máis aló do ámbito educativo, fomentando a empatía dos nenos e nenas para que sexan persoas máis comprometidas e responsables nun futuro.

Raquel Crespo é presidenta da Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES)