Non existe a depresión postvacacional. Non o digo eu, dino os psiquiatras (está na última páxina do xornal). Non invente se lle toca volver hoxe ao choio. É un baixón normal cando corresponde regresar á rutina despois dun tempo descansando e disfrutando. Normal, pero nada máis. Xa o dicía miña nai cando traballaba e o dos días libres era algo que non se estilaba na súa empresa: «Aínda será bo isto de non ter vacacións, que así non tes depresión algunha», dicía ela tirando a partes iguais de retranca e resignación. Pero non hai depresión. Nin esa nin outra. Toca volver a setembro, arranca de novo o curso, empeza de novo a rutina... E volve o frío (ou imos cara el). Vale que a idea non é a máis marabillosa, pero pouco máis. Outra cousa é que tendamos á depresión ao ver que seguimos igual. Sen saber se imos ter goberno ou se nos tocará volver votar en Nadal (¡anda que non estivo simpático Mariano xogando con esa posibilidade!); e coa precampaña das galegas á porta. Que nos toque ter que escoitar como nos venden fume outros 15 días máis, non deprime, pero aburre. Sobre todo cando despois ves como se xestionan certas cousas... Como o centro de saúde do Couto, ese que o luns abre as portas sen que o Concello lle firme licenza de apertura á Xunta. Sería gracioso se non fose unha mostra de como se xestionan moitas cousas neste país. Que parece que as administracións non falan entre elas, ou que non se entenden. Ou non se queren entender. E iso que son da mesma cor. Porque no xogo político xa case nada me sorprende (e menos nesta eterna precampaña na que vivimos), pero cando son dous do mesmo partido, o que mostra é mal traballar.