¡E pasou!

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Asemana pasada escribía aquí o pánico que debe ser ver como o lume se achega á túa casa e arrasa con ela. Non só coas paredes ou o tellado, senón cos recordos, as fotografías, os cadros... Eses obxectos que nos definen, e que fan que a nosa casa sexa iso, a nosa casa, e non o catálogo dunha tenda. E ese pánico sentírono catro veciños de Trives -unha nai e tres fillos- cando o domingo viron como en cinco minutos as lapas dun lume avanzaban cara eles como xigantes enfurecidos de máis de 20 metros. Apenas tiveron tempo a fuxir eles. Sen máis que o posto. Salvaron a vida, claro. E iso sempre é unha boa nova, a mellor, vaia por diante. Pero ao día seguinte, coa vida garantida, un mira o que ten, o que tiña... E esa imaxe ten que ser horrenda. Unha imaxe dantesca na que se mesturan todos os medos. Quedar sen nada. Ata sen recordos. E todo, a falta de saber quen, porque alguén decidiu prender un misto. Xa houbera un lume cerca días atrás. Sería demasiado infantil crer que todo empezou por casualidade. Demasiados lumes, demasiados indicios, demasiados intereses e, sobre todo, moita maldade. Agora que os partidos están a voltas coas listas e que, en nada, nos volverán meter en campaña... debería ser o momento de que todos -uns e outros- empezaran a definir unha política forestal que funcione. Sabemos que a que hai non serve. Fai augas por todos os lados. En outubro comezará un novo mandato, sería boa cousa que a quen lle toque dirixir o país, empece a traballar neste asunto xa. Sen deixar pasar máis tempo. Para que, o verán que vén, o dos lumes sexa unha anécdota, algo do pasado, un recordo perdido...