As listas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

27 jul 2016 . Actualizado a las 20:16 h.

Agora que nos partidos están buscando nomes para enviar (ou intentar mandar) a Santiago, andan os aspirantes a deputados coma tolos movendo ficha e contactos para buscar un cómodo asento en Compostela. O salario non está mal, e o traballo non mata. Así que claro, normal que moitos queiran ver o seu nome na papeleta, e canto máis arriba, mellor. Hainos novos intentando entrar na poxa, e hainos (non digamos vellos, mais si) veteranos, que queren seguir no conto. Os que xa están subidos no carro empezarán a dicir todo o que levan feito. Que teñen traballado arreo, que teñen sacado adiante cousas, que non lles teñen deixado pero que o intentaron... Dirán un feixe de historias para intentar convencer (e convencernos) de que o seu traballo ben pagado está. E nalgún caso pode ser que si. Noutros, resulta cando menos cuestionable. Valdeorras, da Xunta, pouco leva rascado nestes últimos anos, por exemplo. Pero seguro que hai máis comarcas igual. Primeiro tratarán de convencer aos seus (hai quen leva meses intentándoo pese a saber que desta volta acábaselle o choio despois de case 12 anos pisando moqueta) e despois tocaralle cos votantes. É a outra cara da política; a do movemento de cadeiras, intereses e afáns de poder que despois tragamos os votantes coma rodas de muíño. O día que haxa listas abertas, case apostaría que moitos dos que están na parte alta das papeletas porque controlan o «aparato do partido», caen polo seu propio pé. Porque eses que están tan arriba, moitas veces son os que nunca falan cos de abaixo. Son eses que fan política para o pobo pero sen o pobo, con formas doutros tempos que pouco serven agora.