Precariedade

Ana Barrios RESPONSABLE COMARCAL DE CC. 00.

OURENSE

17 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tirar da sabedoría popular serve, ás veces, para constatar distintas visións dunha mesma realidade. Dise que «a alegría dura pouco na casa do pobre», un dito que, unha vez analizados os datos, pode describir a crúa situación do mercado laboral provincial: baixada de paro, si, pero a costa dunha precariedade sen precedentes na historia da nosa provincia. Os discursos triunfalistas a «bombo e platillo» daqueles que, ocultando esa realidade, intentan enganarnos vendéndonos a boa marcha do emprego, topan con conceptos que lles desmontan esas afirmacións, como a estacionalidade ou, sobre todo, a gran precariedade xa ben arraigada e normalizada nas nosas relacións laborais. A temporalidade, o tempo parcial, a depreciación salarial, todo elo aderezado coa reforma laboral, fai que atopar un traballo sexa cada vez menos garantía para ter unha vida independente, digna ou para poder saír da pobreza. De non mudar as cousas, o concepto de «persoa traballadora pobre» ven para quedarse, alcanzando máximos exponenciais no que atinxe ás mulleres. O emprego debe dignificarnos como clase traballadora e a obriga dos responsables políticos non é enganarnos, se non facer que esa sexa a verdadeira realidade.