Escolla xusta e intelixente

Miguel Anxo Fernández
Miguel Anxo Fernández FIRMA INVITADA

OURENSE

O de que a escolla é xusta, incuestionable. O de intelixente porque a Real Academia Galega ven de inducir unha renovada actualidade á materia para e pola que traballa: a nosa lingua. Carlos Casares loce un plus engadido do que carecían grande parte dos literatos homenaxeados ata agora, sen restarlles méritos en absoluto: a popularidade gañada a pulso a través, naturalmente da súa suxestiva e variada obra literaria, pero tamén pola súa intensa actividade como columnista, sobre todo desde as páxinas de La Voz de Galicia.

Tamén polo seu perfil de activista cultural, primeiro na cultura de base desde mediados os anos 60 ata ben entrada a década seguinte, entre Ourense e Compostela e viceversa, e despois desde as institucións. Vai ser unha festa da palabra como poucas veces se terá visto, pois á celebración do Día das Letras Galegas (xa non son cousa dun día, que ben compre encher o ano con elas) sumaranse cidadáns que doutra maneira se amosarían indiferentes. Por desgraza.

Máis alá do seu perfil literario e tamén de columnista, a escolla de Casares suma unha variable que me resulta en particular satisfactoria: era un apaixonado do cine. Frecuentaba a pantalla grande e movíase entre os cine clubs. Moitas veces ten escrito nas súas columnas de cando en Ourense, acompañaba ao cine a Xosé Suárez (para Carlos era Pepe Suárez). Tamén das súas lembranzas de luces e sombras na infancia de Xinzo de Limia. E compre anotar que cría no cine propio, non só deixando algún texto sobre iso senón tamén colaborando coas históricas Xornadas de Cine de Ourense. Mesmo fedellaba cunha Súper 8 para algunhas filmacións que agardan restauración baixo a tutela da súa Fundación. Pero ademais, e iso pecha a curva da miña ledicia, Casares deixou unha peza literaria imprescindible: Ilustrísima, publicada en 1980, primeira achega narrativa longa ao mundo do cine e da que o seu amigo Torrente Ballester prologou que «la historia que aquí se cuenta, no sólo sea verosímil, sino que parezca verdadera». E a xeito de coda, con Casares, o cine entra na Academia, mira ti.