Porcos

María Cobas Vázquez
María Cobas DENDE O OUTEIRO

OURENSE

Somos porcos. Moito queremos falar idiomas, viaxar, estudar... Ser moi urbanitas e moi modernos. Queremos ser de todo, pero despois, no que vén sendo no de cotío, somos porcos. Somos porcos. Asúmao. Non digo que o sexa vostede, pero igual si. Só hai que saír á rúa. ¿Onde? Na que teña diante da porta. Para iso non fai falta viaxar, ¡que va! Chega con saír da casa (o de portas para dentro, cada un pode facer o que lle pete, aí a min pouco che me ten) e camiñar. Xa bo é se na porta non ten unha cabicha ou unha merda de can esperándoo. Ou papeis, envoltorios varios ou latas (esas que abondan nos sitios onde se toma o sol). Non porque non haxa papeleiras na vía pública, que as hai (e aí tamén pouco máis ten o concello elixido); ou porque non haxa un colector. Que va. É porque somos porcos. Nas cousas pequenas como esas, e tamén nas grandes. O lixo hai que tiralo a partir das oito da tarde para evitar que lle cheire a todos o que só é duns poucos... Pero non. Ás tres da tarde, co sol abafando, baixamos coa bolsa, porque o peixe do xantar cheira, e claro, iso non gusta. Ou cambiamos o colchón e decidimos que non hai como lanzalo nunha cuneta. Sempre me xerou moita curiosidade a imaxe dese porco que carga lotes no coche e no canto de levalos ao punto limpo, decide tiralos monte abaixo. Non me diga que non lle soan todas as situacións. Se as fixo, que saiba que é un porco. Se as viviu, xa sabía que os seus veciños o eran. Non será nada novo. E xa para outro día deixo ás persoas que teñen por costume sacudir as alfombras pola fiestra. Esas persoas xa non só son porcas... pero a miña nai pídeme que fale ben, así que aquí acabo.