Sustinea afonda nas causas que están detrás dos incendios forestais na provincia
03 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Chega o verán, e sen querelo venme á mente un agreo recordo do ano pasado, que desgraciadamente se repite. Era agosto, cunhas temperaturas típicas do verán ourensán, pero con moito aire. Daban as doce da maña do venres, eu estaba de visita a uns familiares na Seara, saímos da súa casa para dar un paseo e gozar da mañá. Cando estabamos a poucos metros da casa da señora Herminia, escoitamos os berros dunha veciña. E de súpeto, a súa chamada desesperada: «Lume! Lume!». Saímos correndo cara aos berros por un pequeno camiño que sae da aldea construído e asfaltado polos propios veciños fai máis de cincuenta anos. Cando chegamos vimos un conato de incendio, unhas pequenas chamas que nacían e comezaban a devorar a maleza, cunha forza devastadora. En canto o vimos, separámonos para axudar e tamén para correr a avisar ao resto de veciños. Chamei asustada ao 112. «Enseguida mandamos a unha brigada», dixeron. Este é o teléfono gratuíto do que dispoñemos todos os galegos para calquera emerxencia, neste caso para cando vexamos un incendio forestal.
Chegou o señor Xosé, o meu tío-avó, que sen pensalo botouse ao lume, acompañado do resto de veciños. Tiráronse a el, sen pensalo dúas veces, con cubos e mantas. O meu tío estaba a tentar apagalo en zapatillas da casa. Era alucinante e aterrador ver aquela escena saída dunha película onde parece que o mundo se vai acabar. Mentres os veciños da Seara trataban de sufocar as pequenas chamas, o monte, inconmensurable e escuro, sereno sen máis ruído que o estralo das chamas, contemplaba a batalla sabedor de que a derrota dos veciños suporía a súa morte. Cando conseguimos apagar o lume nunha pequena zona do monte, Xurxo, o meu curmán, atopou de casualidade un pequeno aparello. Era un depósito que aínda mantiña no interior algo de líquido, e que deixaba asomar unha mecha e un chisqueiro como os de laboratorio. Chamamos a un dos técnico forestais que alí estaban e levouno. A noite seguinte os veciños montaron garda. Ás dúas da mañá volveu ocorrer. Outra vez chamas, no mesmo sitio. Esta vez conseguimos apagalo entre os veciños. «Hoxe aguantamos», dicía a Herminia, a poucos metros de onde se produciron os intentos. «Mañá, a saber». Así foi, a madrugada do venres chegou o terceiro intento, noutro punto distinto, pero preto do inicial. Desta vez non puidemos controlalo, as chamas fixéronse demasiado grandes.
A zona onde se orixinou o lume que Seara puido controlar os dous primeiros días, loce agora chamuscada. O deprimente é que esta zona estaba en proceso de rexeneración despois de que un incendio similar anos anteriores. A tristeza da nosa paisaxe ourensá, verán tras verán, supón que no 2015, queimáronse sobre 52.227 hectáreas, bastante máis do dobre que no mesmo período de 2013, cando se queimaron 20.947 hectáreas, un 60,14 % menos. En canto a 2014, a cifra é un 39,83 % superior, xa que no mesmo prazo arderon 37.584 hectáreas. Non está de máis lembrar que unha hectárea son dez mil metros cadrados, o que equivale a un campo de fútbol. A pregunta que eu fago, é por que? Se temos que resumir nunha soa resposta poderiamos utilizar a seguinte operación matemática: superficie forestal e propiedade privada desta superficie en forma de minifundios, a maioría deles en abandono polo éxodo das novas xeracións cara a zonas urbanas, máis unha cultura do lume como ferramenta tradicional galega. Esta suma ofrece gran parte da solución á gran pregunta, ás novas que vemos nos medios de comunicación e que nos alertan dun novo incendio.
Galicia alberga o territorio forestal máis produtivo de toda a UE, con diferenza. Hai aproximadamente un millón e medio de hectáreas forestais en Galicia das que o 96 % pertencen a particulares. O problema é que esa porcentaxe está dividida profusamente debido ao gran imperio do minifundismo que prevalece na nosa comunidade. A tradición de dividir as terras entre os fillos e estes entre os netos e así sucesivamente converteu Galicia nun quebracabezas dun millón e medio de hectáreas no que hai un dono por cada tres hectáreas que, de media, dividiunas en vinte parcelas que, aínda por riba, non teñen solución de continuidade. É dicir, están separadas fisicamente entre si. Esta desorganización non tería necesariamente que ser un problema se non fóra pola gran cantidade de núcleos urbanos que hai esparexidos por Galicia: 30.000 segundo datos da Xunta, o que supón o 50 % de todos os que hai en España. A maior parte deles padece o abandono das novas xeracións. Desgraciadamente en Galicia, como noutros tantos sitios, a mocidade foxe do rural para instalarse nas zonas urbanas.
Unhas 2.000 aldeas galegas están desertas e outras tantas teñen entre 2 e 3 veciños. Isto desembocou nun abandono completo ou moi elevado dos terreos forestais. Os vinte terreos divididos nas tres hectáreas que suman o millón e medio de hectáreas forestais privadas apenas están coidadas. Isto é, están cheas de maleza, arbustos e toxeira. Os vellos aldeáns non teñen tempo, diñeiro nin ganas de rozar; solución: a que sempre se utilizou en Galicia, a ferramenta rural por excelencia que forma parte da cultura e simboloxía galega: o lume. Esta falta de ordenamento e o abandono son a mecha dos incendios en Galicia. Un labrego non ten diñeiro para limpar o seu terreo e préndelle lume. Ese lume esténdese enseguida polo resto do monte que se atopa descoidado, o que vai a desencadear outro incendio máis. Cada ano, en Galicia, hai medio millón de queimas de restrollo. Con que algunha delas se descontrole, xa temos outro incendios preparado.
Solucións
Dende a miña humilde opinión, penso que isto tería solución: ordenar o monte e organizar unha política de ordenación territorial, pero isto supón medidas e programas a longo prazo, algo que choca de fronte coa política. A Xunta, e todos os gobernos anteriores de todas as cores, preferiron reducilo a un problema de delincuencia e centran as súas solucións en medidas a curto prazo, medidas electoralistas.
A distribución territorial dos incendios demostra que, en contra do que cabería esperar polas súas características meteorolóxicas, o territorio máis afectado, en canto a número de incendios e superficie queimada, é o noroeste peninsular, cun clima atlántico ou continental húmido. Máis do 70 % dos incendios forestais en España prodúcense nas comunidades do noroeste peninsular, á vez que máis do 60 % da superficie forestal e case o 50 % da superficie arborizada afectada polo lume atópanse nas devanditas comunidades.
En Galicia prodúcense máis da metade, o 53,6 % dos incendios españois, e séguenlle Castela e León cun 10 %, e Asturias cun 7,8 % dos incendios. Esta distribución territorial pon en evidencia que o elemento esencial dos incendios forestais non é simplemente o factor climático, senón a intencionalidade dos mesmos.
A oportunidade de facer voluntariado ambiental no verán
Os incendios forestais convertéronse nas últimas décadas nun dos problemas ambientais máis importantes da nosa comunidade. E nos próximos anos poden verse agravados polos efectos do cambio climático. Con eles desaparecerá unha biodiversidade irrecuperable. Os incendios forestais producen enormes danos ambientais. Destes, o máis facilmente apreciable é a perda de calidade paisaxística debido á destrución da cuberta vexetal. O efecto dos incendios sobre a fauna é a morte daqueles animais que non poden escapar do lume ou a migración doutros pola perda de pastos e hábitats. O chan vese afectado pola alteración da estrutura edáfica e o aumento do risco de degradación provocando a perda de chan fértil e o avance da erosión. Como consecuencia da perda de chan, altérase drasticamente o ciclo hídrico ao diminuír a infiltración e, con iso, as reservas hídricas subterráneas. Aumenta a escorrentía e o risco de crecidas en arroios e valgadas coa chegada de choivas torrenciais. Ademais, estes incendios supoñen tamén todos os anos a perda de vidas humanas e grandes danos en explotacións, cultivos e vivendas, perdas económicas e os fortes investimentos necesarios para paliar os efectos dos incendios.
Sensibilización
Dende Sustinea como tódolos veráns, levamos a cabo programas de voluntariado ambiental para a sensibilización fronte os incendios forestais, co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos voluntarios, criterios e coñecementos básicos sobre a prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais, que os motiven e capaciten para valorar e conservar a nosa masa forestal. Se estás interesado en colaborar con nós durante o verán, ponte en contacto con nós. Agardámoste!
Somos unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao Desenvolvemento Sostible. Facémolo mediante proxectos de Desenvolvemento Rural, programas de Educación Ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas.
Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades, desde voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, Servizo de Voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer na nosa web e no Facebook.