Como Islandia

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Amosa dende onte o Museo de Pontevedra a gran exposición en memoria de Castelao. E faino entre outras cousas con aportacións de fundacións como as vencelladas ás figuras de Losada Diéguez, Risco e Otero Pedrayo e co feito histórico de atopar e amosar ao público os orixinais do Álbum Nós. A presenza destas pezas no proxecto Meu Pontevedra aporta en si mesma un misterio engadido: o de saber onde estiveron agochados dende os anos trinta do pasado século e en mans de quen. Dende o museo fálase da localización do fondo, aínda que non se aclarou onde estaba nin como chegou ao lugar no que foi atopado, sexa unha institución ou unha colección privada.

 

 

Castelao regalou no seu día unha destas pezas ao seu amigo Losada Diéguez, obra que como as outras tivo que ser exposta no seu momento coa lenda oculta por non ser do agrado da dictadura de Primo de Rivera. Se aquel famoso «Como en Irlanda, érguete e anda» de Castelao quixo ser no seu día a lenda que servise de exemplo para Galicia a deste século XXI, para Ourense, podería ser aquela de «Como en Islandia». Un país que en conxunto ten os mesmos habitantes que a nosa provincia, tres arriba ou catro abaixo, seica é a revelación do torneo de fútbol que enfronta aos países europeos. A maiores, desde Islandia sairon algunhas das películas que teñen acadado premios e recoñecemento mundial nos últimos anos -Rams ou Corazón xigante, entre outras- e os seus autores e as súas paisaxes son inspiración para artistas de proxección mundial -Joan Jonas-. Ao mellor a Ourense lle convén ser máis islandesa e menos berlanguiana.