«Percíbese unha viraxe de Compromiso cara o centrodereita»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

ANDREA ESTÉVEZ

O exsenador do BNG deixa agora CxG por non ir coa marea. El si o fará, pero non en primeira liña, di

21 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixou o BNG por unha das súas escisións, Compromiso por Galicia (CxG), e agora tamén abandona esa organización. Aínda que nas eleccións municipais Xosé Manuel Pérez Bouza defendera que esa formación fose en solitario, admite que foi un erro. «Ao principio consideraba que as mareas eran un tema difícil de xestionar por encaixar pareceres e culturas tan diferentes, pero unha vez que os cidadáns se expresan tes que saber que ao mellor estabas un pouco equivocado». Como Compromiso decidiu ir soa ás autonómicas, el deuse de baixa.

-¿Que resultados lle poden esperar a CxG en solitario?

-O capital político podería sumarse ao gran obxectivo dun cambio de goberno e de políticas na Xunta. Aínda que só sexa para que en Galicia non volva morrer xente porque o goberno decide non dispensarlle determinados medicamentos, xa valía a pena. Pero é certo que tamén é unha cuestión de pragmatismo. Hoxe Compromiso non está en condicións de ir a unhas eleccións galegas en solitario se non quere quedar reducido á marxinalidade máis absoluta.

-¿Sentíase como un home de esquerdas nun partido cada vez máis de dereitas?

-É certo que a afiliación de Compromiso agora é moi diferente no ideolóxico a cando se creou. Unha parte importantísima dos que constituímos Compromiso fómonos marchando e pola contra foi entrando xente, sobre todo ao rebufo das municipais, cun perfil ideolóxico máis de centrodereita. O domingo se solventou non só unha estratexia electoral senón que soterradamente se percibe unha viraxe de Compromiso por Galicia cara o centrodereita.

-Participará na creación da marea galega para as autonómicas, ¿non si?

-Eu quero deixar moi claro que saímos de Compromiso pero baixo ningún concepto imos crear unha nova organización política nin tan sequera un grupo minimamente organizado.

-Pero un centenar de baixas xuntas parece unha acción coordinada.

-Non, as baixas están sendo a título individual. É certo que houbo unha acción coordinada antes da convención para promover a proposta, pero en todo caso agora os que saímos non imos constituír ningún grupo organizado. Fraco favor lle faríamos ao nacionalismo e ao galeguismo; xa hai bastantes organizacións. Agora, de momento, o que faremos é participar a título individual axudando desde a máis absoluta modestia a que se configure esa alternativa electoral para as eleccións galegas.

-¿Pensa asumir a título individual un papel protagonista nese proceso?

-Non, a miña etapa política de primeira liña xa a vivín, pero a min gústame a política e, polo tanto, vou participar, vou aportar o que poida, pero non teño ningún afán de protagonizar nada. Non entra na miña cabeza neste momento.

-¿Non o veremos entón nunhas primarias, no caso de que se convoquen?

-A día de hoxe non o teño pensado nin é a miña intención. Creo firmemente en que hai que dar entrada a novos actores políticos, pero si que considero que aínda podo aportar sobre todo tempo, traballo e algunha experiencia.

-¿Non corre o risco de diluírse o galeguismo e o nacionalismo neses procesos de confluencia?

-Pode ser, pero en todo caso vai depender da habilidade daquelas persoas que acreditamos nunha forza política propia. Eu creo que despois das eleccións galegas o que debería facer o nacionalismo e o galeguismo é buscar unha nova casa común, unha concentración parcelaria de todos aqueles que compartimos ideoloxía e estratexia política.

-¿Está tendo en Marea esa habilidade da que falaba vostede ao principio para ter protagonismo en Madrid?

-Non vou criticar o papel que está xogando En Marea, que se cadra podía ser outro, pero víronse nunha situación complexa de manexar ao principio e é posible que a falta de experiencia de moitos dos representantes de En Marea tamén lles xogara unha mala pasada á hora das negociacións. Eu, de todos os xeitos, doulles un plus de confianza.