Marexada de libros contra a crise

OURENSE

Ibáñez lembra que os clásicos sempre teñen demanda e no 2016 de xeito especial coas celebracións de Cervantes e Shakespeare.
Ibáñez lembra que os clásicos sempre teñen demanda e no 2016 de xeito especial coas celebracións de Cervantes e Shakespeare. santi m. amil< / span>

A libraría Eixo apostou por ser un centro cultural, cunha ampla oferta de actividades

05 mar 2016 . Actualizado a las 11:39 h.

Non son bos tempos para as librarías. A forza de ser xustos hai que sinalar que nunca o foron, mais sempre contaron co valor engadido de constituir un referente social para múltiples e variados sectores: dende todos aqueles que se moven arredor da actividade cultural ao ensino, pasando polas demandas profesionais, de formación e divulgativas, entre outras. Javier Ibáñez encetou o camiño cando o terceiro milenio estaba ás portas e a crise non aparecía nos títulos dos andeis do seu establecemento de Cardenal Quiroga.

O panorama é ben distinto. «O peche de librarías é unha triste nova a que, por desgraza, xa estamos acostumados. Desapareceron espazos emblemáticos e con moitos anos de experiencia, Torga ou Stylo nos últimos tempos, e a situación que vive o sector é mala. Non hai axudas institucionais e os recortes rematan por pasarnos factura a nós». A explicación é sinxela: a redución dos orzamentos en universidades, institutos, bibliotecas e outros espazos levou aparellada unha menor demanda. «Estas institucións tiñan unha partida anual para dotar as súas bibliotecas ou os seus fondos e era algo que sempre axudaba porque repartían os encargos polas librarías da cidade. Iso hoxe practicamente non existe», sinala Ibáñez.

Narrativa, clásicos e cómic

O que se mantén son os costumes no hábito lector, aínda que no caso de Eixo cunha particularidade. O propietario do establecemento fala de xéneros, máis alá de títulos puntuais que sempre os hai e son de todos coñecidos. «A narrativa é o máis demandado. Tamén os premios literarios e, obviamente, o libro de lectura que se recomenda nos centros de ensino. Os clásicos sempre venden, eses son fixos, e este ano de xeito especial Cervantes e Shakespeare por aquilo da celebración dos 400 anos. E no noso caso ten moita demanda o cómic». Na literatura galega, xunto ás lecturas escolares e clásicos como Rosalía ou Castelao, os ourensáns teñen un público fiel: «Riveiro Coello, Ameixeiras, Fernández Naval ou Ferrín, entre outros, sempre figuran na demanda dos nosos clientes».

Microteatro, a próxima parada

Javier Ibáñez acreditou dende o primeiro momento en que unha libraría é máis cun espazo de culto con historias chamando por un dende os andeis e apostou por facer de Eixo un centro cultural. Acolle exposicións, colabora con proxectos do Marcos Valcárcel ou a Fundación Cum Laude, ofrece contacontos, obradoiros para rapaces, cantacontos, presentacións e mantina en algo máis: «Microteatro. Non sei como, pero vouno facer».