Ese esqueleto de cemento cheo de maleza, que se mestura coa calor das augas e o verde das ribeiras do Miño, ía ser un Centro de Interpretación, proxectado polo goberno do bipartito, dedicado ao coñecemento dos espazos naturais protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia, pero acabou converténdose nun exemplo de feísmo nunha ribeira considerada estratéxica para o termalismo en Ourense. Moitos pensarán que non corren bos tempos para gastar tantos millóns en algo ao que non acaban de verlle moito xeito, cando Ourense ten outras necesidades máis urxentes. Certo é que a nosa provincia ten a día de hoxe, debido a nefasta política medioambiental deste goberno, outras prioridades. Pois clama ao ceo o abandono do Parque Natural do Xurés, que non ten nin un plan especial de protección contra incendios, ou o estado dos nosos ríos, que ou ben polos verquidos industriais ou polas obras do AVE, acaban resultando damnificados do mal chamado progreso. Pero algo non me cadra cando penso en que todo o investimento vén de fondos europeos, é dicir, Xunta e Goberno de España non terían que achegar nin un euro a maiores. De feito, se a obra non remata antes de final de ano, o resultado será non só un orzamento millonario malgastado, senón a perda da subvención europea confirmada. A partir de entón, calquera uso diferente ao que se queira destinar esta instalación sairá directamente do noso peto. Entón, por que leva anos paralizada esta obra? A conclusión é a mesma á que chego cando penso no estado en que se atopa calquera espazo natural da nosa provincia, unha mostra máis do desleixo e da ausencia de políticas medioambientais que poñan en valor o noso medio.
Estes días nos que algúns se cuestionan se de verdade é necesario este centro, eu pregúntome cómo é posible que Galicia que ten declarados 6 parques naturais, a metade dos cales se localizan en Ourense, con máis do 12% do seu territorio baixo a protección da Rede Natura 2000, non teña a día de hoxe un espazo que permita a divulgación no seu conxunto desta enorme riqueza natural, e que inxecte na nosa xeración e nas vindeiras, esa necesaria educación ambiental que contribúa a mudar un modelo que se demostrou manifestamente insostible.