Na semana do querer, eu quero. Quixen moito. Quero moito. Hei querer moito máis aínda. E non son eu soa. Moitos queremos querer. E querer na nosa lingua. Na que nos quixeron os avós, arroláronnos, colléronnos no colo... Na lingua na que medramos. Na que fomos dun clube «por fociños, por cacheiras», porque daquela había unha tele na que por certo, xa estaba Gayoso (ese home que ten a mesma idade que Miguel Bosé; o de por que sei ese dato queda para un programa de Cuarto Milenio) e Shin Chan ?que comeza co mesmo fonema ca Shakira, Xusto ou Shangay? ensinaba «o cuíño», mandábamos a «onda vital xa» ou mirábamos que sacaba Doraemon do seu «peto máxico». E facíamos todo iso na nosa lingua. E tamén aprendiamos castelán nese mesmo tempo. Nacer nun sitio onde hai dúas falas é unha sorte. Polo traballo dunha, medras con dúas. Non leva máis esforzo, e si moitas vantaxes (temos sete vogais, o que fai que resulte máis doado afinar cando aprendemos inglés, por contentar aos que din que «el gallego no sirve para nada»). Mais iso estase a perder. Os cativos non falan galego. Non é un problema das familias, por moito que a Xunta apunte cara ese lado (as teorías de ovnis de Gloria Lago nin resposta merecen), é un problema de contexto. Se o galego só está na casa, fica na casa. Ten que estar. E non está. Non falo de cartos. Falo de ansia. Claro que ansia non se lle pode pedir a un goberno que lidera un home que non pon un pronome no sitio nin querendo. Tirando de retranca, hai unha campaña na rede para pedir que Feijoo saque o Celga 4. Váleme co 3.