A pesares da inhabitual chuvia, a procesión da Virxe do Cristal puido saír
16 sep 2014 . Actualizado a las 00:12 h.Nin os máis vellos do lugar lembraban que a danza de Vilanova dos Infantes, que se interpreta cada 15 de setembro en honra á Virxe do Cristal, se tivera que suspender nunca por mor da chuvia. Pero, hoxe, no día grande da romaría houbo uns intres de incerteza, cando o ceo encapotado comezou a descargar sobre a aldea. No santuario oíanse os cánticos da misa e na praza maior do burgo esperaba a banda de música de Vilanova dos Infantes e un grupo de veciños cando a chuvia fixo acto de aparición.
Aínda que se celebra cara o final do verán, o día do Cristal acostuma a ser soleado e mesmo caloroso aínda que nos días precedentes o tempo fose inestable. Hoxe non se cumpriu o patrón. E por momentos pensouse que non habería procesión nin danza. Aos músicos da banda dixéronlles que baixaran ata o santuario do Cristal.
Pero nunca chove que non escampara e a chuvia parou. O párroco, Adolfo Enríquez, que onte non presidiu a misa nin a procesión pero atendeu a todos os fieis, dicía que se faría a procesión, aínda que fose máis breve. Con certo retraso, a imaxe da Virxe do Cristal ?unha lámina inserta de forma misteriosa nun pequeno vidro que data do século XVII? puido saír do santuario e encamiñarse, precedida por un pendón e once estandartes, cara Vilanova dos Infantes.
No alto da Barronca, esperaba finalmente a banda para render a primeira homenaxe musical á virxe. A procesión continuou pola praza do Hospital e do Recreo, onde se produce o encontro entre a virxe e os santos San Roque e San Sebastián, traídos dende a igrexa parroquial. As mulleres pasaban os seus panos pola Virxe do Cristal e tamén, novos tempos, achegábanse as máis novas a facer fotos da diminuta imaxe cos seus móbiles.
E a tradición da danza na praza diante da virxe puido manterse un ano máis. As castañolas dos danzantes repenicaban mentres a virxe se achegaba á praza. Dende o balcón, as mulleres cantaron e acto seguido entraron os danzantes na praza cos primeiros pasos da redonda, para continuar coa reverencia e a danza dos paus. Seis mulleres e dous homes interpretaron este ano a danza, que orixinalmente era bailada só por varóns do gremio dos zapateiros.
O son da gaita galega non faltou, desta volta coa interpretación de José Luis Freire, que substituíu a Paulino Vázquez, que levaba máis de catro décadas interpretando a melodía da danza. Alí estaban todos os que fan que ano tras ano se manteña a tradición. Tamén Paulino, aínda que onte co seu clarinete como músico da banda.
O ceo cincento ameazaba con chuvia, pero esta respectou case toda a danza. Só comezou a orballar suavemente de novo cando se danzaba o trenzado das fitas. Logo a procesión continúa polas estrada vella a Celanova ata volver ao Cristal por unha das pistas da concentración parcelaria. O único troco que provocou a chuvia foi a modificación do percorrido da procesión, collendo unha pista máis próxima para regresar ao Cristal.
Aínda que era día laborable, a devoción pola virxe e a tradición de ver a danza gremial atraeron de novo a centos de persoas do concello e chegadas doutras cidades ?en particular familiares de nativos de Vilanova? para asistir a unha festa singular, con sol ou chuvia.