Curros e as liortas do ferrocarril

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

Un artigo da revista Grial recolle as demandas do escritor e xornalista para reivindicar a chegada do tren, que no XIX era un dos símbolos do progreso

06 jul 2014 . Actualizado a las 07:20 h.

Nuns tempos nos que Galicia mantiña o seu illamento secular, pasaba de mediados do século XIX, chegaba de Europa o movemento a prol das ideas progresistas. O novo escenario era resultado da revolución de 1868 e a influenza máis forte era a que chegaba de Francia. As obras hidráulicas, o fonógrafo, o telégrafo, a navegación a vapor e outros aspectos aparecían vencellados á idea de industrialización e progreso. E entre eles figuraba o tren como paradigma de desenvolvemento e futuro, como fonte de riqueza e cultura. Moitos intelectuais da época asumiron os prantexamentos do novo movemento, entre eles Curros, e a revista Grial repasa esa relación no seu último número. Presenza do tren como símbolo do progreso na obra de Curros Enríquez é o título do artigo asinado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira no número 201 da publicación.

primeiras novas

Decenio 1873 a 1883. Lembra no seu traballo Díaz-Fierros como «con máis atraso do arelado, foron chegando as locomotoras: a Santiago (1873), á Coruña (1875) e a Vigo (1878)». Segundo o autor poderíase salientar «que o decenio que vai desde 1873 a 1883 representa para Galicia o apoxeo da exaltación tecnolóxica, nomeadamente no relativo ao tren, coa repercusión que nos xornais e, con toda probabilidade no imaxinario popular, tiveron as obras».

>

ponferrada-coruña

Reivindicación temperán. Con 26 anos, e xa coas primeiras composicións en galego publicadas, Curros Enríquez escribe a Muiñeira monorrítmica, que se edita no Almanaque humorístico de Galicia para 1878 (Ourense, 1877) e que logo se reproduce noutras publicacións. O escritor «arremete dun xeito sarcástico e insolente contra os atrasos e incumprimentos da Compañía do Noroeste, que tiña asignada a construción do treito do ferrocarril de Ponferrada á Coruña». A empresa non diu desenvolvido o proxecto e rematou disolta e incautada polo Estado en 1878.

asentado en ourense

Novo proxecto a demandar. Un premio nun certame poético e o emprego conseguido en Facenda fan que Curros remate por asentar en Ourense. Estas circunstancias motivan, segundo Francisco Díaz-Fierros Viqueira, que «as súas preocupacións ferroviarias se orientasen agora cara ás liñas que afectaban máis directamente a esta capital, como era o caso da de Vigo-Zamora e, máis concretamente, o treito Vigo-Ourense». As obras foran concedidas ao ferrolán Juan Flórez, e o 23 de xuño de 1863 comezarán con grande solemnidade na praia de Guixar, onde ía estar a cabeceira da liña. Ao seguinte ano a concesión pasa á compañía MZ (Medina del Campo-Zamora), que pasa a chamarse MZOV (engadindo Ourense e Vigo ás referencias iniciais). As reivindicacións son unha constante na sociedade ourensán e as prórrogas da concesión inicial fan que o proxecto tarde 18 anos en estar rematado. Todo isto, lembra o autor, «xerou un ambiente de irritación e crispación no contorno ourensán-vigués, do que eran puntual refrexo os xornais da época». Lamas Carvajal e Curros Enríquez amosáronse especialmente belixerantes e reivindicativos no medios de comunicación.

chegada

Celebracións e poema conmemorativo. Non sin tempo, en 1881 remata o derradeiro tramo da liña: o de Arbo a Ourense. O 31 de marzo recíbese na cidade a primeira locomotora, «con fastos conmemorativos», e o 9 de xuño procédese á inauguración oficial «coas autoridades provinciais, locais, eclesiásticas e representantes de MZOV» e, finalmente, o 19 de xuño -tamén con festas- o tren inaugura a liña comercial. Segundo Díaz-Fierros a primeira das celebracións foi especialmente singular; Curros asiste ao acto «e así o inmortalizou no seu poema A chegada a Ourense da primeira locomotora» e daquel día dá conta o gravado que La Ilustración Gallega y Asturiana reproduciu para conmemorar o feito histórico.

outras referencias

Da simboloxía ao recordo de Eduardo Chao. A presenza do tren na obra de Curros pasa por outros contidos. No artigo analízase a simboloxía do poema -e a dicotomía locomotora-catedral, ou progreso-estatismo e demagoxia-, o emprego do tren como metáfora en O divino sainete. Poema en oito actos e a súa biografía de Eduardo Chao, amigo e un dos políticos que tentou iniciar o proxecto da liña do ferrocarril entre Vigo e Valladolid.