«Chapa e pintura vai ser unha serie das que engancha»

X.M.R. OURENSE

OURENSE

O ourensán é un dos protagonistas do proxecto de Voz Audiovisual para TVG

02 oct 2013 . Actualizado a las 07:15 h.

A Televisión de Galicia estreará o vindeiro luns, día 7 de outubro, unha nova serie creada por Voz Audiovisual. Chapa e pintura, que así se titula a proposta, conta coa participación de tres actores ourensáns: Xoel Yáñez, Fernando Dacosta e Fernando González. Fernando Dacosta é o máis veterano dos tres e á súa ampla e longa carreira profesional con Sarabela une a participación noutros proxectos audiovisuais como Pradolongo ou A metade da vida.

-¿Cando se vencellou ao proxecto da nova serie?

-Convocouse unha selección de actores, creo lembrar que foi alá polo mes de xuño, e a verdade é que quedei contento porque a pesares da cantidade de actores que se presentaron escólleronme para un dos papeis deste proxecto.

-¿Con que se vai atopar o espectador en ?Chapa e pintura??

-Cunha serie que pode estar ambientada en calquera cidade galega. Os centros de actividade son un taller de motos e unha perruquería, e os comercios dunha rúa peonil. O protagonismo recae en Chelo, que traballa na perruquería, e Raúl, que é o seu marido e como é un viva a vida acaban separándose e el remata traballando no taller de motos do pai de Chelo, onde estou eu.

-¿Cal é o seu papel na serie?

-Son Serafín, un dos operarios do taller de motos. Un lugar onde están os que traballan, coma min, e os que fan que traballan pero que teñen moito pico, como en todos os lados. E a miña muller está na perruquería. Todo isto dá para unha comedia fermosa e moi dinámica na que se abordan aspectos como as liortas de parella, a guerra de sexos, os conflictos laborais e profesionais. Aínda que é unha comedia, a verdade é que amósanse aspectos como a amizade, os ciumes, a solidaridade, as liortas e dálle moito xogo aos secundarios e a todos os actores que participan no proxecto.

-¿Como valora o experiencia?

-É un produto moi ben acabado, un aspecto este que Voz Audiovisual sempre coida moitísimo nas súas series, e dálle moito xogo a todos os actores con moito plano-secuencia, con coreografías moi ben deseñadas e cun ritmo de traballo no que enlazas moitas secuencias seguidas, co cal tes que entrar moi ao pé, xusto, pero iso fai que se consiga un produto moito máis fresco e moi dinámico. De feito creo que é unha das series máis traballadas e laboriosas que levo visto.

-¿Cantos capítulos se gravaron?

-En principio 13, o que soe ser normal nestes casos porque é unha tempada. Boeno, realmente foron 14, 13 máis 1, porque se fixo un piloto en castelán para ofrecerllo ás outras canles autonómicas. De todos xeitos estou certo que se gravarán máis tempadas porque Chapa e pintura é unha serie das que engancha e vai gustar moito.

-Estrease o luns.

-Si e cunha aposta forte da TVG porque é un día cunha competencia brutal: está La Voz -La Voz vai competir con La Voz a través de Chapa e pintura (ri)-, Isabel e La Cúpula. A verdade é que a TVG arrisca.

fernando dacosta actor