Do PSOE ao PSdeG, ou a necesidade de reinventarse

X. M. R.

OURENSE

01 oct 2013 . Actualizado a las 07:15 h.

«A nova executiva dá resposta a todas as sensibilidades representadas no partido»

Agustín Fernández

Hai tratados de filosofía ou de alta política que non son quen de condensar nas súas moitas páxinas determinadas sentenzas da sabiduría popular. No pleno da Deputación de Ourense celebrado o venres tiraba enriba da mesa o portavoz nacionalista unha frase rexa en relación ás denuncias sobre as depuradoras financiadas pola UE: «Eu viña para aquí no autobús e nunha conversa sobre este asunto alguén dixo ?Aí hai algún que meteu o cazo?». O domingo, logo de facerse realidade o resultado da xuntanza que aclamou a Gómez Besteiro e á súa executiva -neste caso menos- alguén setenciou: «Máis de un vai saber o que é traballar».

O remate do «pachismo»

O novo secretario dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un aceno cómplice e un xesto á oportunidade perdida -«O PSdeG volve»-, quizais na ignorancia politicamente adolescente de que os socialistas galegos foron matando sistemáticamente todo o que estivese vencellado ao «G» para convertirse en mandilóns do «E». Será certa, ou non, a aposta por un socialismo galego, mais do que non hai sombra de dúbida é que Gómez Besteiro non quere herdanzas dubidosas ou calotes, e rebaixou o legado do seu antecesor á minima expresión: a provincia de Ourense contará con 5 representantes na nova executiva dos socialistas galegos e só o alcalde da cidade, Agustín Fernández, ocupa un dos dez postos clave na executiva de Gómez Besteiro: responsable de Política Fiscal e Financieira. Ademais do alcalde de Ourense, forman parte da nova executiva galega os alcaldes de Ribadavia e Entrimo, Marcos Blanco e Ramón Alonso, e as concelleiras de O Barco e O Carballiño Irene Dacal e Yolanda Otero. Marcos Blanco e Yolanda Otero son os ourensáns máis próximos ao exsecretario xeral dos socialistas galegos.

Con todo, a executiva proposta por Gómez Besteiro deixou unha boa parte de insatisfeitos, como quedou patente ao ser aprobada por menos do 58% dos delegados.

Alternativa de goberno

Para o alcalde de Ourense, que onte fixo unha valoración da xuntanza dos socialistas, esta nova etapa do PSdeG «vai ser moi ilusionante e esperanzadora». «A nova executiva, aínda que reduciu o seu número, contou con todas as correntes e logrouse un congreso de unidade no que os socialistas estamos convencidos e comprometidos coa proposta de Besteiro para ser unha alternativa ao goberno de Feijoo», afirmó.

análise