Xurado e público da Miteu premiaron á aula teatral de Lugo

OURENSE

Pablo Araujo

Os grupos de Compostela e Covilhâ levaron os galardóns «Suso Díaz»

27 abr 2013 . Actualizado a las 23:29 h.

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a Miteu 2013, pechaba as súas actividades esta madrugada (á unha da mañá estaba previsto o inicio do concerto de Ménage à Trois no café cultural Auriense) e na tarde de onte, no Principal, celebraba a súa gala de clausura e a entrega de premios aos grupos participantes.

Obra de Vidal Bolaño

Os galardóns concedidos polo xurado e polo público volveron a coincidir nesta edición da Miteu. Nos dous casos considerouse a montaxe da Compañía de Teatro da USC - Campus de Lugo Animaliños, sobre a obra orixinal de Roberto Vidal Bolaño, como a mellor obra do certame. Os actores lucenses participaron o pasado xoves na mostra con dous espectáculos: o xa citado de Animaliños e unha montaxe de rúa que se desenvolveu polo casco histórico.

Os galardóns que lembran a figura de Suso Díaz, que recoñecen ás obras coa mellor resolución técnica e que concede o persoal dos espazos teatrais, foron para a Aula de Teatro de Santiago por Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo (no caso do Principal) e para Teatr? Ubi / Asta, de Covilhâ (Portugal), por Parecia que dançavamos. Tu vestido de principe e eu nua (Auditorio).

Plataforma de artes escénicas

A organización concedeu o seu premio á Plataforma de Artes Escénicas e Musicais, en recoñecemento do seu traballo e pola súa loita contra os recortes que afectan ao teatro e á cultura en xeral. A crítica ante a falta de apoios centrou a performance previa á entrega de premios.