O veterán investigador ourensán recibe un recoñecemento á súa obra científica baseada no rural galego
11 abr 2013 . Actualizado a las 23:09 h.O investigador ourensán Elixio Rivas recibiu esta tarde un recoñecemento pola súa obra reflectida en 45 libros. Nacido no municipio de Xunqueira de Ambía, Rivas ten a gala ser de aldea, o que considera un mérito, eido no que conseguíu a meirande parte do seu traballo científico. O arqueólogo Francisco Fariña Busto falou de Elixio Rivas subliñando o longo currículum que ten como docente e investigador, aparte da amizade que manteñen desde hai corenta anos. «Móstranos un pasado que inda é presente. Esto non é un homenaxe mais é un recoñecemento a un traballo desde a austeridade», indicou Fariña. A obra de Rivas non só está contida neses 45 libros expostos nunha mesa no Salón Nobre do Liceo. Hai centos de artigos en revistas xacobeas e etnográficas galegas e nacionais que contan con traballos do veterán investigador ourensán. Elixio non quería este acto porque lle parecía moito. Desde a tribuna explicou ao público presente como empezou esa obra grande, en que consiste. Foi debullando os libros, agrupados en dúas áreas grandes, a de varia e a dos estudos lingüísticos. Elixio Rivas é un experto non só no mundo xacobeo senón de heráldica, topografía, etnografía, arte, arqueoloxía... Rivas é relixioso paúl, non crego, o que o levou a impartir docencia anos atrás por Cuba, Inglaterra, Lugo, Marín... Agora inda segue camiñando e anotando detalles da nosa paisaxe, e xa anunciou que está a piques de publicar un novo libro.