O padroado da Fundación Curros Enríquez dálle o seu premio por primeira vez a unha empresa
23 feb 2013 . Actualizado a las 22:35 h.A empresa de telecomunicacións R Cable foi escollida esta mañá como premiada co galardón cultural Celanova Casa dos Poetas. O padroado da Fundación Curros Enríquez celebrou unha reunión esta maña na Vila celanovesa para fallar a 29 edición do premio. Os membros do padroado decidiron darllo por primeira vez a unha empresa: R Cable pola súa aposta polas novas tecnoloxías en galego.
O premio da Fundación Curros Enríquez recoñece así que se pode apostar pola cultura galega e polo galego, non so escribindo literatura, Ou desde o ámbito artístico, senón tamén no día a día. En anteriores edicións o premio distinguiu a figuras da música como Amancio Prada, Milladoiro OU Carlos Núñez. Asemade intelectuais como Isaac Díaz Pardo ou Xesús Alonso Montero, escritores ou pintores recibiron este galardón, que se entrega o 31 de agosto.
Na reunión da fundación tamén se aprobou a creación dunha asociación de amigos da Real Academia Galega da lingua. O seu presidente, Xosé Lois Méndez Ferrín, presente como membro do padroado na reunión, dixo que se van adiante os propósitos desta asociación en favor de implicar a empresas, concellos, asociacións e á sociedade civil en xeral será «o sostén de futuro da academia» no plano económico, pois a institución necesita, segundo explicou o presidente, un orzamento dun millón de euros.
A reunión do padroado Curros Enríquez celebrouse na casa familiar do poeta celanovés e estivo presidida polo alcalde de Celanova. Tamén asistiron o conselleiro de Cultura, o presidente da Deputación, o director de normalización lingüística, representantes das universidades galegas e outros membros persoais.